PolíticaÚltima hora

Álvaro Vila será o novo voceiro do grupo socialista na Deputación de Ourense

Nado en Taboadela, Vila tamén é vicesecretario provincial do PSOE e alcalde deste municipio

Álvaro Vila, alcalde de Taboadela./ Cedida.

 

A Executiva Provincial (CEP) do PSdeG-PSOE vén de nomear a Álvaro Vila, actual alcalde de Taboadela e vicesecretario xeral do partido na provincia, novo voceiro do Grupo Socialista da Deputación de Ourense e candidato á presidencia desta institución.

O secretario provincial, Rafa Villarino, explica que a reunión da CEP celebrada onte á noitiña adoptou esta decisión “por unanimidade”, o que tamén “referendou a decisión dos seus compañeiros do novo Grupo Socialista na deputación, que adoptaron esta semana a mesma decisión”. “É unha decisión de acordo pleno e dun novo rumbo no Partido Socialista” na institución, que, indica, “seguirá apostando polo plan único, polo reparto equitativo e pola xustiza social que a provincia merece”, destaca o secretario.

Vila naceu en Taboadela no ano 1965, onde é rexedor desde 2019, tras lograr o apoio maioritario da veciñanza e da corporación local fronte ao que, naquel momento, era o alcalde máis lonxevo da comunidade autónoma, Manuel Gallego, que gobernaba este municipio da área metropolitana da terceira cidade de Galicia ininterrompidamente desde 1972. Nas pasadas eleccións municipais de maio de 2023, o novo voceiro provincial do PSdeG-PSOE revalidou o posto de primeiro edil en Taboadela cunha ampla maioría absoluta.

Os novos deputados e deputadas provinciais que tomarán posesión na sesión constitutiva do luns 17 de xullo ás 12 horas, son Álvaro Vila Araújo (Taboadela, 1965); Susana Rodríguez Estévez (Ourense, 1968), concelleira de Amoeiro; Elvira Lama Fernández (Xinzo de Limia, 1963), concelleira en Xinzo; José Ignacio Gómez Pérez (Ribadavia, 1972), edil en Ribadavia; Aurentino Alonso Araújo (Cartelle, 1963), concelleiro no Barco de Valdeorras; o edil carballinés, Diego Fernández Nogueira (Santiago de Compostela, 1987) e Marina Vaz Quintanillán (Ourense, 1985), concelleira no municipio de Riós.

Artigos relacionados

Back to top button