CulturaCulturaÚltima hora

Amplíase o grupo de traballo da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

 

A Xunta de Galicia amplía o grupo de traballo da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial para incorporar novos perfís que axuden a buscar novos e complementarios argumentos e xustificacións co fin de conseguir o máximo recoñecemento da Unesco. Así se trasladou nunha reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura e que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Os novos membros que traballarán na reformulación da candidatura son Isabel Aguirre, directora da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC; Lorenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, e Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela.

 

 

As súas incorporacións, tal e como apuntaba o responsable de Cultura da Xunta, supoñen “un paso imprescindible na vía de diálogo con Icomos, órgano asesor da Unesco”. “A creación do novo grupo de traballo marca “un punto de inflexión na candidatura porque permitirá revisar o expediente e seguir avanzando co máximo rigor e calidade para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial”, declaraba.

Ademais de ampliar o equipo técnico, tal e como lembrou Román Rodríguez, o goberno galego tamén vai intensificar o contacto coas administracións implicadas así como cos propios veciños. “Seguimos crendo no gran valor deste territorio e o noso propósito é inaugurar e ampliar un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra”, precisaba.

Artigos relacionados

Back to top button