A Concellería de Cultura do Concello do Barco desenvolverá un amplo programa de actividades para celebrar o Samaín. Os actos, dirixidos aos nenos do municipio, comezarán o venres día 31, cunha actividade moi novedosa para a que se conta coa colaboración do Centro Comercial Aberto do Barco.

Trátase de “Susto, gusto e desgusto”, que se desenvolverá a partir das cinco da tarde, con inscrición de balde. Na praza do Concello haberá un taller de pintacaras, e a partir das 17:30 horas, os nenos poderán percorrer os establecemos asociados ao CCA para recoller caramelos. Entre os caramelos haberá “bolas máxicas” que darán dereito aos nenos a recibir un agasallo especial ao finalizar a actividade.Tamén haberá regalos para os que leven disfraces máis orixinais. Os premios entregaranse ás 19:30 horas na praza do Concello.
Nesa mesma xornada volve a “Noite na biblioteca”, para a que é preciso facer inscrición previa a través do código QR que consta na cartelería. Será a partir das oito da tarde, e os nenos participantes na actividade, que se desenvolverá na Biblioteca Municipal, poderán gozar de xogos, talleres, aventuras e historias de medo, con especial protagonismo da Santa Compaña.

Todos os interesados -nenos de entre 9 e 12 anos- poden inscribirse desde hoxe e ata o día 30, aínda que a inscrición tamén poderá quedar pechada cando se completen as 20 prazas existentes. Nesta noite de medo haberá sorpresas para os mellores disfraces. Tanto a cea como o almorzo están incluídos, sendo unicamente necesario traer saco de durmir e esteira para pasar a noite. Para quen durma na biblioteca, o horario de saída vai desde as 9 ás 10 da mañá do venres 1 de novembro.
O sábado día 1, a partir das cinco da tarde, celebrase no Pavillón Vello unha festa infantil de Samaín, con entrada de balde. Haberá disco móbil con animación, un concurso de berros de medo, un taller de chapas monstruosas e un photocall de Samaín. Tamén neste caso hai previstas moitas sorpresas para os participantes. E o domingo día 2 ten lugar a tradicional “Carreira dos Santiños”, con inscrición así mesmo de balde a partir das 11 da mañá nas pistas de atletismo de Calabagueiros, e saída ás 12 para os máis pequenos.