PolíticaÚltima horaVídeos

Ana Pontón en Valdeorras: “Este incendio é un auténtico desastre ambiental e socieconómico, hai que ir pensando en que se declare zona catastrófica”

A portavoz nacional do BNG achegábase esta mañá á comarca para coñecer de preto a situación xerada polo lume que está arrasando municipios como O Barco, Rubiá e Carballeda

 

Ata Valdeorras desprazábase esta mañá a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para coñecer de preto a difícil e dramática situación que está a afrontar esta comarca debido ao incendio forestal, que ten arrasado boa parte de municipios como Carballeda, O Barco e Rubiá nos últimos días. Estaba acompañada pola deputada valdeorresa do BNG, María G. Albert, o deputado Luis Rivas, e por outros representantes do BNG en Valdeorras, como o seu responsable comarcal, Roberto Quiroga.

En primeiro lugar, Pontón enviaba unha mensaxe “de solidariedade e apoio ás persoas que están vivindo directamente esta situación, moi especialmente á xente que está desaloxada, que perdeu as súas vivendas. Sabemos que estes son momentos durísimos, moi difíciles, é unha situación desesperada, pero teñen que saber que estamos todos aquí para axudar, para empuxar, para facer todo o que estea na nosa man para que esta situación acabe canto antes”.

En segundo lugar, a portavoz nacional do BNG sinalaba que “é necesario facer un recoñecemento ao labor que realizan todas as persoas que están traballando contra o lume nestes momentos, nunhas situacións realmente difíciles, estanse xogando a súa vida e eu creo que é necesario que recoñezamos o labor tan importante que fan os bombeiros forestais e todo o dispositivo de extinción que está traballando nunha situación de dificultade, cuns lumes dunha intensidade que nalgúns casos non se coñece e tamén sabemos que en moitas ocasión hai precariedade, faltan medios, faltan recursos, e polo tanto, todo o apoio, todo o recoñecemento a ese labor social tan importante que están facendo”. Para Pontón “a prioridade é poñer punto final a estes lumes, que se apaguen canto antes, que se mobilicen todos os medios que sexan necesarios e que esta situación de risco se acabe canto antes”.

 

 

Por outra banda, Ana Pontón destacaba que “esta situación é un auténtico desastre ambiental, social e económico e, polo tanto, tamén hai que ir pensando en que se declare zona catastrófica os incendios que asolan tanto a zona de Ourense como de Lugo para que haxa axudas, recursos e medios necesarios para a recuperación desas terras queimadas porque sabemos que en moitos casos están ardendo terras cun alto valor ambiental, terras que teñen un alto valor económico e, polo tanto, é necesaria a colaboración de todas as institucións para que se revirta o dano que neste momento se está causando”.

 

 

Finalmente, a portavoz nacional do BNG resaltaba que “estamos nun punto de inflexión, porque estamos vendo a virulencia que teñen os incendios no noso país, a súa gravidade. Todos sabemos que os incendios se apagan no inverno con medidas de prevención, con ordenación do territorio e apáganse poñendo freo ao despoboamento que se está vivindo en moitas zonas do noso país. En Galiza levamos moitos anos vendo como arde o noso monte e evidentemente iso require que se tomen medidas de carácter estrutural. Non podemos limitarnos a lamentarnos cada vez que hai un incendio, senón que é necesario que o que está pasando sexa un punto de inflexión para que realmente se aposte por políticas de ordenación do noso monte, que se aposte pola prevención e que se aposte por outro modelo forestal, porque todo o que estamos vivindo neste momento vaise agravar co cambio climático e non se pode mirar cara outro lado, hai que tomar as rendas do que está pasando neste momento, hai que asumir que hai cousas que non se están facendo ben e, dende logo hai que cambiar o modelo forestal. Insisto, o que está pasando estes días ten que ser un punto de inflexión para acabar coa política de abandono do noso monte, para tomarse en serio todo o que significa a ordenación e para cambiar un modelo forestal que estamos vendo que non é un modelo co que poidamos convivir no futuro”.

 

 

Tras atender aos medios de comunicación, Ana Pontón reuníase co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e visitaba o posto de mando avanzando dende o que se están coordinando as actuacións nos incendios e que está situado na Casa Grande de Viloira.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button