
En Galicia, e máis en concreto na provincia de Ourense, “somos grandes produtores de electricidade, a electricidade é o noso petróleo, ¿pero que beneficios obtemos nós del?”, apuntaba a portavoz nacional do BNG, Ana Ponón, no marco do encontro “Alternativas do Nacionalismo para o futuro” que mantiña cos veciños do Barco na tarde do 15 de xuño.

Entre os diferentes temas que abordaba estaba o da necesidade dunha tarifa eléctrica galega, “algo que o BNG leva moito tempo defendendo” e que agora considera algo fundamental tendo en conta que “xa non é que non vaiamos a ter beneficios, é que por riba imos ter perxuízos porque se está preparando un decreto que lle vai subir a luz a todos os galegos porque aquí a lei faise a medida das grandes eléctricas e se hai impostos medioambientais en vez de pagalos quen leva o beneficio os teñen que pagar os usuarios”.
Tamén explicaba que o feito de poder contar con beneficios como produtores de enerxía permitiría que Galicia “puidese atraer empresas” ao ter menos custes enerxéticos. “Sería unha revolución, significaría empezar a tomar o control dos nosos recursos para que isto repercuta na sociedade”.

Outra das cuestións nas que incidía era a do debate que se está a producir no ámbito estatal, pero que non trascende, sobre “o futuro do sistema de financiamento” en relación coas competencias que xestiona a Xunta de Galicia. Pontón dicía que o sistema de financiamento actual “é moi opaco e o Estado nunca nos acaba de dicir a capacidade fiscal que ten o noso país”. E avogaba por un “sistema de concerto económico, ganaríamos máis en recursos e apostaríamos por evitar que a riqueza siga fuxindo. É un sistema que xa funciona noutras partes do Estado español”.

Este acto, no que interviña na apertura Suso Vilasánchez, do BNG de Valdeorras, concluía coa intervención do coordinador comarcal desta formación política, Manuel Agra, quen agradecía a visita de Ana Pontón ao longo da xornada do 15 de xuño a esta zona ourensá, acompañada pola deputada ourensá Noa Presas. E pedía o apoio para o “BNG e para unha persoa que está levantando moita ilusión, como é Ana. É hora de que en Valdeorras se note de verdade o efecto Ana Pontón”.