Para Ana Pontón, “estamos ante unha cita coas urnas na que podemos abrir un tempo novo que signifique un cambio de políticas”, destacaba a candidata á Xunta polo BNG no cumio de alcaldes nacionalista que vén de celebrarse esta mañá en Santiago, no que puxo en valor as políticas “de transformación e de vangarda que desenvolven os gobernos locais nacionalistas, gobernos que son sinónimo de bo facer, xestión eficaz e honesta ao servizo da veciñanza e capaces de mellorar a vida das persoas en vilas e cidades”.
A candidata do BNG considéraos “un espello no que mirarse e un modelo de éxito” que agora trasladar ao conxunto de Galicia “liderando o Goberno galego a partir do 12 de xullo, de tal xeito que as políticas municipais do Bloque que hoxe son referentes a nivel internacional podan aplicarse en toda a Galiza desde a Xunta”.
Pontón insistiu en que o cambio galego “é posible se todas as persoas que queren deixar atrás a decadencia de dez anos de PP se mobilizan de xeito masivo optando polo BNG e, por primeira vez na historia, poñer ao fronte da Xunta a unha muller e a unha nacionalista”.
“Do local ao global para cambiar o mundo”, explicaba Pontón, “para dar respostas desde o local como a mellor maneira de solucionar os problemas e esa forma de actuar dos gobernos municipais nacionalistas demostrou a súa eficacia ante situacións como a derivada da COVID19, con políticas sustentables que poñen as persoas no centro”.
Entre os asistentes ao cumio estaban alcaldes da provincia como os de Viana do Bolo, A Mezquita ou Allariz, entre outros.