CulturaCulturaÚltima horaVídeos

‘Ancorar toda esta auga’ de Beatriz Dourado, gañador do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

A gala, celebrada no Teatro Lauro Olmo do Barco, foi conducido por Anxo Baranga

 

Con música comezaba e remataba a gala do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán que se entregaba na tarde-noite deste sábado 22 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras.

 

 

 

Unha gala conducida por Anxo Baranga (veciño de Córgomo que leva anos poñendo en valor a figura e a poesía de Florencio) que arrancaba cun grupo de alumnos do CEIP Julio Gurriarán cantando o poema musicalizado de FDG ‘Aí vén o maio’. De seguido, o presentador facía un pequeno e rápido percorrido polo labor levado a cabo por diferentes colectivos da comarca para lograr que Florencio Delgado Gurriarán fose coñecido e recoñecido, chegando a este 2022 como o seu ano, co Día das Letras Galegas na súa honra.

 

 

 

Por iso “este IV premio é especial e faremos unha gala moi bonita na que contaremos con representantes de toda Valdeorras, porque isto logrouse grazas á unión”, dicía Baranga procedendo á presentación intercalada dos seis membros do xurado e dos cinco finalistas que ían lendo os seus poemas ata chegar ao gañador.

 

 

 

Os membros do xurado desta cuarta edición foron María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona e investigadora; Ramón Nicolás, crítico literario, profesor, tradutos e escritor; Antía Balvís, poeta e activista cultural que forma parte da xeración do século XXI dos poetas galegos; Cristina Pato, unha das creadoras ourensás con maior proxección internacional; Eilún del Pazo, poeta e gañadora da anterior edición do premio; e Emilio Vega, biblófilo, divulgador e membro de Valdeorras Infinda e do proxecto As Letras de Florencio.

 

Os textos finalistas, seleccionados entre 174 poemas, foron: Antígona cantoume polas vosas voces, de Patricia Carballal Miñán (Arcade, 1978); Ancorar toda esta auga, de Beatriz López Dourado (Barcelona, 1985); De tuin der lusten, de Francisco Javier Fernández Davila (Vigo, 1974), que non pudo estar na gala lendo o seu poema Luis Ocampo; Receita cromática para unha visión libremente entendida, de Ana Barja López (Castro de Rei, 1987); e Europa 2079, de Lois Pérez Díaz (Lugo, 1979) que tampouco pudo asistir á gala polo que o seu texto foi lido pola directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez.

 

Beatriz Dourado, gañadora do premio.

 

O único membro do xurado presente no acto era Emilio Vega, recaendo nel a responsabilidade de dar a coñecer o nome do texto gañador: Ancorar toda esta auga de Beatriz López Dourado.

 

 

 

Dende As Letras de Florencio anunciaban que os nenos terían gran protagonismo nesta gala e así era pois ademais de abrir a gala cantando, foron intercalando verbas e bromas co presentador ao longo de todo o acto que contaba tamén coa actuación de seis alumnas do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces que bailaron unha pandeirada dirixida polo gaiteiro Xabier Díaz.

Tal como prometera o presentador sobre polo escenario pasaron representantes dos concellos do Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín, así como da Asociación de Mulleres Rurais de Córgomo, encargados de entregar os agasallos aos finalistas e o premio económico (3.000 euros) á gañadora.

 

Emilio Vega, membro do xurado.

 

E igual que empezara, con música, remataba a gala, desta volta co cantautor valdeorrés Anxo Rei, poñendo voz a un poema do poeta de Valdeorras, Florencio Delgado Gurriarán.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button