Unha trintena de persoas iniciaba pasadas as nove e media deste sábado, 3 de decembro, dende Robledo (Rubiá) un andaina por un dos tramos da Via Nova romana en Valdeorras, en concreto o que se conserva no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Esta iniciativa forma parte das actividades do IV Aeva Emprégate, que promove a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA).
O percorrido estaba guiado polo arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer e nel facíase unha parada no tramo desta calzada romana restaurado hai uns anos polo Concello de Rubiá e que permite ver as singularidades construtivas desta estrata imperial, que unía hai 2.000 anos as urbes de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) nun tramo de montaña.
Despois a marcha, cun total de 9 km, continuaba ata Biobra, onde está situado o Centro de Interpretación do Parque Natural, e alí os participantes coñecían as particularidades da Serra da Enciña da Lastra.

Despois, está previsto que o programa continúe cunha degustación gastronómica, guiada pola enóloga vilamartinesa Cecilia Fernández, con viños de Rubiá e produtos locais preparados cun matiz historicista para relacionados coas pegadas da romanización en Valdeorras.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.
