
O primeiro sábado de febreiro e no marco da Candelaria e do San Brais celébrase pola tarde en Vilanova (A Pobra de Trives) a Festa do Chourizo, unha romaría protagonizada polas fogueiras entre castiñeiros nas que os asistentes asan os chourizos ao espeto. Ese mesmo día pero pola mañá ten lugar dende hai unha década a particular e exitosa andaina organizada polo Club de Montaña Trives.
Así, o vindeiro sábado 1 de febreiro celebrarase a X Andaina do Chourizo, unha ruta de senderismo por terras trivesas con final en Vilanova comendo chourizos asados.
A camiñada comezará ás 10 da mañá na praza do Pilón, na Pobra de Trives, para completar un percorrido duns 8,6 quilómetros por terras trivesas (Santa María de Trives, Sas, Pena Folenche e San Mamede). A organización calcula en 2 horas a duración da andaina que terá un prezo de 5 euros para socios e de 10 para non socios. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico do club de montaña trivés: club.montana.trives@gmail.com.