En portadaÚltima hora

Animada XXX Mostra do Mel de Quiroga

Nesta edición podía probarse e mercarse o mel de tres apicultores do municipio

 

Cunha notable asistencia de público, pero gardando sempre as medidas de seguridade fronte ao Covid-19, desenvolvíase esta mañá a XXX Mostra do Mel de Quiroga, cuxo recinto se instalaba na rúa central da vila. Dende as 11h. deste 10 de agosto os asistentes podían degustar e mercar o delicioso mel de tres apicultores: Manuel Macía (das Estradas), María Carmen Macía (Quiroga) e o de Caurelor (Quiroga).

Ademais do mel, podían mercarse outros produtos apícolas como xelea real, pole ou própole. Foron varios os postos que se instalaron ao longo da rúa Real, nas inmediacións da casa consistorial. Os produtores facían unha valoración positiva das vendas, se ben destacaban a pouoca cantidade de mel desta colleita, o que non impediu, matizaban, que fose dunha excelente calidade.

As colmeas da maioría dos apicultores están situados nas zonas máis altas do municipio onde producen mel co predominio do castiñeiro, mentres que os situados nas zonas do val dan mel de brezo, planta moi abondosa e da que Quiroga recibe o seu nome; nas zonas intermedias as abellas recollen o pole de castiñeiros e queirugas que xuntan con moitas outras flores dando un mel multifloral. Tres variedades con matices diferentes en canto a cor, textura e sabor pero coa mesma calidade.

“Son xa trinta anos son os que leva o Concello de Quiroga dando a coñecer a magnífica calidade do mel que se produce no noso municipio. E unha vez máis esta data fixada no calendario vén a coincidir coa feira de mercado, unha das máis multitudinarias de todo o ano”, destacan dende o Concello de Quiroga. O alcalde de Quiroga , Julio Álvarez, presumiu nesta trixésima mostra dos tres produtos” biblícos” cos que conta Quiroga, o viño, o aceite e o mel.

A Asociación Galega de Apicultura ademais da exposición de Apiturismo, que aínda se pode visitar ata este venres 13 de agosto, trouxo a Quiroga outra actividade, tratábase dunha degustación de meles “Meles Cinco Estrelas de Galicia” na que puideron participar toda as persoas que quixeron. Neste evento tampouco faltou a música, sería a charanga Europa a encargada de amenizar o recinto feiral.

As persoas que percorrían a mostra, tamén aproveitaban para visitar a feira e mercado do mes (entre cuxos postos tamén podía verse o da Asociación Española contra o Cancro), para facer unha paradiña e tomar algo nunha das terrazas dos establecementos de hostalaría do municipio, ou mesmo para desfrutar do tradicional pulpo á feira.

Para velar polo cumprimento das medidas de seguridade, a organización contaba co colaboración da Policía Local de Quiroga e da Agrupación de voluntarios de Protección Civil.

Os actos deste 10 de agosto en Quiroga continuarán pola tarde coa actuación de Lys Pardo, que dará un concerto ás 20h. na Praza da Rúa Lago.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as dúas últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button