ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Animado reencontro coa feira en Viloira (O Barco), pese á chuvia e ao frío

Este mercado volvía este domingo, despois de dous meses sen poder celebrarse debido á situación sanitaria

 

Pese á chuvia e ao frío, están sendo moitas as persoas que ao longo da mañá deste domingo de 6 de decembro están a percorrer os diferentes postos da feira de Viloira (O Barco). Despois de dous meses sen celebrarse pola situación sanitaria, este mercado regresaba ao seu escenario habitual cun circuíto marcado con valados e frechas (tanto dende o acceso pola ponte de San Fernando, como dende a pasarela peonil do casco vello) para establecer sentidos de circulación para os visitantes, con entradas e saídas diferenciadas, co fin de evitar cruces entre as persoas que acodan.

Así mesmo un vehículo da Policía Local e outro do GES Valdeorras evitaban as entradas por determinados puntos. Ademais a Policía Local do Barco vela para que se cumpran as normas de seguridade e tamén de controla a afluencia de persoas ao recinto feiral, cuxas entradas poderían pecharse en algún momento para controlar o aforo.

Son numerosos os postos que poden visitarse, tanto de produtos agroalimentarios, como de prendas de vestir e outros complementos, ademais dos tradicionais postos das pulpeiras nos seus lugares habituais.

Dende o Concello do Barco tamén se pedía aos titulares dos postos que adopten as medidas de seguridade (máscaras, xel hidroalcohólico e distancias) que se marcan para este tipo de actividades comerciais ao aire libre.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button