CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“ANIMAL, compi de ecosistema”, proxecto do alumnado de 1⁰ da ESO do IES Carlos Casares de Viana contra o maltrato animal

Enmarcado na materia de Matemáticas, a iniciativa será presentada na sé do CEIDA no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) nun congreso de microexperiencias sobre a educación para a cidadanía global o 14 de xuño

 

O alumnado de 1⁰ da ESO do IES Carlos Casares de Viana do Bolo está a desenvolver un proxecto propio en contra do maltrato animal e a favor do seu benestar e coidados.

 

 

Tal como explican dende o centro, esta microexperiencia, promovida dende Solidaridade Galicia-O Globo no marco da Axenda 2030 ten un formato moi ben definido: Luces, Cámara, Acción. As luces implican a recollida de datos, e neste senso “o alumnado vianés analizou preto de 20 novas de prensa sobre maltrato animal dos últimos dous anos e deseñou unha enquisa para obter información ao respecto”. A cámara representa a análise deses datos, “onde se puido concluír que existe o maltrato animal a pesares da nova lei ou que a maioría da xente enquisada afirma ter pouco coñecemento sobre maltrato pero ao mesmo tempo considérao un problema e demanda medidas”. Finalmente, a acción é todo aquilo que queremos facer para frear o problema.

 

 

“Mozas e mozos deste curso deseñaron 10 láminas reivindicativas para difundir en redes, que se converterán tamén en pegatinas e chapas, escribiron un manifesto contra o maltrato animal para ler o vindeiro 4 de xuño na praza Maior de Viana, e prepararon diferentes xogos de taboleiro e dúas actividades informativas para realizar ese mesmo día co alumnado de infantil e primaria do CEIP Bibei”, avanzan dende o instituto.

 

 

O proxecto, enmarcado na materia de Matemáticas, e que leva por nome “ANIMAL, compi de ecosistema”, será presentado na sé do CEIDA no Castelo de Santa Cruz (Oleiros) nun congreso de microexperiencias sobre a educación para a cidadanía global o 14 de xuño.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button