CD ArenteiroDeportesFútbolÚltima hora

Apaixoante tarde de fútbol en Espiñedo cun CD Arenteiro que roza xa o ascenso a 2ªB

Os do Carballiño dormen hoxe como líderes da clasificación trala vitoria 1-0 ante o Polvorín FC

 

Intenso e apaixonante foi o partido disputado nesta tarde de sábado no campo de Espiñedo entre o CD Arenteiro e o Polvorín FC. E non é para menos xa que os de Fran Justo xogaban o primeiro partido en casa desta fase de ascenso directo á segunda B que hoxe, teñen un pouco máis cerca.

O club do Carballiño levaba toda a semana animando á afección a asistir (coa limitación de aforo e as medidas estipuladas dende Sanidade) a este gran partido, a segunda das seis finais que xogarán os verdes para lograr o ansiado e merecido ascenso, e o público non defraudou, animando con paixón de principio a fin, a un equipo que leva toda a tempada dándoo o todo.

 

Renan marcou o gol da vitoria para o Arenteiro.

 

Hoxe non foi unha excepción e conscientes do que se están a xogar, os verdes saían ao terreo de xogo dispostos da facerse cos tres puntos. Así e todo, tamén era un partido importante para o rival, o filial do CD Lugo, que non llo puxo fácil, chegando a dominar na primeira parte do encontro ata que, no fío do descanso, Renan transformaba un penalti dando vantaxe aos verdes. Tralo paso polo vestiario, os do Arenteiro seguiron atacando mentres que os lucenses perdían fol, valendo o único gol do encontro para que os tres puntos de ouro quedaran no Carballiño.

 

Os xogadores celebrando o gol de Renan.

 

O disputado na tarde deste 10 de abril foi o único partido adiantado desta segunda xornada da fase de ascenso (Grupo C) en terceira división, co cal o Arenteiro dorme hoxe como líder da clasificación, sumando 53 puntos, dos 12 que quedan en xogo, con 8 de vantaxe sobre o terceiro clasificado.

A seguinte cita para os de Fran Justo será a vindeira fin de semana no campo do Bergantiños, o conxunto coruñés que xoga mañá ante o Arousa a súa segunda final.

 

O porteiro local, un dos protagonistas da tarde.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button