
“Apartado al lado” é o título do proxecto no que o artista verinés Fernando Barreira Mateo se centrou durante o estado de alarma. Traballou nunha serie de cinco lenzos (50×50), cuxa finalidade foi recadar fondos, que doará o próximo xoves (e de maneira totalmente altruísta) á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín e á área de Servizos Sociais da mesma entidade pública.
Será no marco dun acto previsto para as 20 horas no Auditorio da vila. Durante este evento benéfico, levarase a cabo un coloquio no que o artista verinés contará coa colaboración de Edelmiro Mateo e Isabel Cota, e nel participarán Enma Veiga, David Rodríguez Rivada, Manuel Alfonso, Javier Cid Domínguez, Eugenio Quintas Alborés e Diego Lourenzo Moura, ademais do propio Barreira.
Tamén se procederá á entrega dos cinco óleos doados ás citadas asociacións para apoiar a actual situación provocada pola COVID-19.