EconomíaEconomíaÚltima hora

Apetamcor celebra a súa asemblea xeral poñendo en valor “o labor esencial do transporte para evitar o colapso da sociedade”

O acto, celebrado na sede central da entidade en Ourense, contaba coa presenza da conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade

Un dos momentos da asemblea de Apetamcor.

 

A Asociación Empresarial do Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que preside o valdeorrés Javier Adolfo González, celebraba este sábado a Asemblea Xeral Ordinaria correspondente ao ano 2022 na súa sede do Polígono Industrial San Cibrao das Viñas, en Ourense. Natalia Blanco Díaz, coordinadora xeral de Apetamcor, foi a encargada de expoñer aos socios presentes o estado das contas anuais de 2021 e a previsión de orzamentos para 2022, así como a memoria de actividades do pasado ano e a ratificación de altas e baixas de socios.

O acto contaba a presenza de María Jesús Lorenzana Somoza, conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, para quen Myriam Otero López, secretaria xeral e fundadora de Apetamcor, tivo unhas palabras de agradecemento. “Consideramos vital o apoio recibido por parte da súa Consellería para a supervivencia do sector do transporte profesional. Grazas á súa colaboración formáronse 2.000 novos condutores, unha cifra máis que necesaria nun sector tan envellecido e cun gran problema de substitución xeracional”, declarou a fundadora de Apetamcor.

Myriam Otero tamén eloxiou no seu discurso o labor fundamental que os transportistas realizan cada día para evitar o colapso da sociedade. “Este pasado mes de marzo co paro de transporte, que Apetamcor apoiou, de novo púxose de manifesto a importancia crucial do noso sector para o funcionamento do país. Contamos en todo momento co apoio da sociedade que nos recoñecía e aplaudía. E quedou máis que demostrado que somos a columna vertebral da economía, e coa forza do paro e de todas as mobilizacións pacíficas, conseguimos visibilizar unha vez máis a un sector moito máis dignificado”.

 

A conselleira de Promoción de Emprego co equipo directivo de Apetamcor.

 

Antes de terminar, Otero dedicou uns minutos para “agradecer o esforzo, a empatía e a dedicación de todo o equipo humano de Apetamcor que fan que a nosa asociación e cooperativa estean sempre ao servizo amable e atento dos transportistas e dos seus condutores. Hoxe atópase connosco persoal das catro sedes, e a todos eles grazas de corazón por traballar axudando ao sector”.

Na súa intervención, a conselleira agradeceu a invitación para participar nesta asemblea xeral. “Necesitamos moito diálogo e colaboración público-privada coas empresas e autónomos que están xerando emprego na nosa comunidade autónoma. Apetamcor é unha organización que leva máis de 30 anos traballando, asentada non sector do transporte e que representa a máis de 1.300 profesionais, co cal para min é unha oportunidade enorme poder falar diante de todos vós, que representades e tedes detrás a tantos profesionais e emprego en Galicia”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button