En portada

Aposta polo pequeno comercio

Os CCAs do Barco e Ourense Centro cumpren unha década de existencia, sendo os pioneiros da provincia
Imaxe da "Noite branca", unha das campañas organizadas neste ano polo Barco CCA./ Foto: Carlos G. Hervella
Imaxe da “Noite branca”, unha das campañas organizadas neste ano polo Barco CCA./ Foto: Carlos G. Hervella

Cor maxenta, en alusión ao mencía valdeorrés, e un grafismo aberto que toma rasgos da Galicia tradicional. Así era o logo co que se presentaba en sociedade O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) un 8 de xullo de hai xustamente dez anos. Vía así a luz unha nova fórmula de asociacionismo comercial, ata entón inédita na provincia, na que se viña traballando dende case dous anos atrás, e que apostaba polo futuro do pequeno comercio. Del formaban parte 86 empresas de servizos, fundamentalmente do sector comercio, pero tamén da hostalería, situadas na vila barquense. “Daquela non funcionaba ningún CCA na provincia, fumos a referencia principal”, lembra Pilar Delgado, presidenta da xunta xestora da que saíu o CCA barquense e tamén da súa primeira directiva.

Actualmente a asociación barquense está presidida por un hostaleiro, Ángel Álvarez, quen no último ano lle ten imprimido un enfoque distinto ás actividades, buscando innovar e implicar a máis establecementos e sectores. “O que pretendemos é facer máis campañas, aínda que sexan de menores presupostos e non centralo todo nunha grande, o que implicaría un desembolso elevado. Pensamos que os asociados valoran positivamente poder ter actividades ao longo de todo o ano”, asegura.

Tamén neste ano 2014 o CCA Ourense Centro cumpre dez anos de vida. A súa área comercial inclúe a zona centro e o centro histórico da capital da provincia e actualmente conta con 210 asociados. “A posta en marcha do CCA, como a de todo movemento asociativo, creo que é positiva para o sector. Un grupo de comerciantes do centro reuníuse para, xuntos, poder levar a cabo accións que repercutan no beneficio do comercio e, á vez, ser interlocutores ante as distintas administracións. Este CCA naceu ao amparo da Federación de Comercio de Ourense, da Cámara de Comercio e da CEO en marzo de 2004 dunha maneira case silenciosa, pero dando pasiños. E tras unha traxectoria inicial un pouco dubitativa penso que, sen desmerecer o traballo dos demais, foi primordial o enfoque que lle deu Emilio González, que é un pouco a liña que estamos seguindo”, comenta Luis Rivera, presidente do CCA Ourense Centro. Tamén considera que hoxe esta agrupación comercial está consolidada e destaca exitosas iniciativas que están a desenvolver como foi a Shopping Night, a finais de maio.

Seguindo a estela dos CCAs do Barco e Ourense foron xurdindo a partires do 2009 outras agrupacións deste tipo en Ourense Norte, Verín, O Carballiño, O Couto e Ribadavia. Así hoxe, das 52 asociacións consideradas CCA pola Xunta (que representan a preto de 5.000 comercios asociados), sete están na provincia de Ourense.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel de xullo do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button