O domingo 5 de maio íase celebrar no Barco de Valdeorras a cuarta proba de enduro da Liga Galega da Moto de Campo 2024, válida para a Copa Deputación, pero dende a organización veñen de anunciar o seu aprazamento ata finais de setembro.
O motivo, tal como explica Javier Quintas dende a Liga Galega da Moto de Campo, é a seguridade para os participantes que se podería ver comprometida dado a meteoroloxía adversa prevista para a fin de semana. “A zona elixida para unha das especiais (preto do Polígono da Raña) é moi perigosa para as motos se está mollada. Temos medo de que dadas as previsións,haxa moita inestabilidade e non queremos asumir ese risco”, di Quintas, explicando que se trata dunha zona moi compactada sen apenas terra, con lousa e canto rodado e pode ser unha pista de patinaxe, polo que despois de falar co Concello e “ante a posibilidade de que haxa un risco elevado para os participantes o mellor era ou buscar unha nova ubicación ou cambiar de data e finalmente como dan chuvia para toda a fin de semana decidimos aprazar a proba para finais de setembro”.