“Apoiar decididamente á veciñanza afectada polo lume e as reivindicacións que se convoquen”. Era o acordo que se tomaba no pleno ordinario que celebraba esta tarde de 4 de setembro a Corporación do Barco, a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG. A iniciativa resultaba aprobada por trece votos a favor: 9 socialistas, 3 do BNG e un do PP, Manuel Núñez, quen se desmarcaba da liña do seu grupo municipal que se abstiña.
Era o concelleiro nacionalista, Manuel Agra, quen defendía esta moción que “non dá expresado a dor, a pena, o sufrimento, o medo, a impotencia, o desánimo e a rabia que nestes momentos sofre a veciñanza do noso concello e da nosa comarca. Apenas van alá tres anos do incendio que deixou casas, soutos, viñas, alvarizas e monte queimados, cando neste mes de agosto pasado temos que padecer o triste récord de ter o maior incendio da historia de Galiza. Máis de 30.000 hectáreas arrasadas en dez días de inferno -entre o 13 e 23 de agosto-, que deixaron da cor do loito a paisaxe e a alma da veciñanza. Unha traxedia medioambiental, material e psicolóxica da que estamos sendo protagonistas”.
Así mesmo, referíase aos “danos en ducias de casas -21 aldeas ameazadas no noso concello segundo o alcalde-, igrexas, nos montes, nas explotacións agrarias, nos soutos, nos viñedos, nos oliveirais, nas alvarizas, en vehículos, nas infraestruturas e dano psicolóxico que ninguén pode pagar nas persoas que loitaron contra o lume ao ver que ardían as súas pertenzas e que as súas vidas corrían perigo”.
E resaltaba, como o máis aleccionador e esperanzador desta traxedia: “a solidariedade de todas as veciñas e veciños. Tanto para combater o lume xuntos como para ir cubrindo as necesidades materiais que ían aparecendo. Especial mención e orgullo merece a mocidade do concello e da comarca. Voluntarias e voluntarios que tanto se implicaron nesta traxedia. Os nosos parabéns. Tamén, a todas as persoas que traballaron nos labores de extinción: brigadas de extinción, servizos de emerxencias e protección civil”.

Por outra banda, aludía ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA 2025), “a Lei 3/2007, no seu artigo 5 punto 2, establece que as competencias da Xunta de Galicia en materia de incendios forestais serán exercidas polo Consello da Xunta e pola consellería competente en materia forestal. E segundo o artigo 6, puntos 1b) e 2, correspóndelle á Xunta de Galicia elaborar o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e á consellería competente en materia forestal exercer estas competencias. É dicir, a institución que máis tiña que facer para evitar as traxedia que tanto sufrimento causa no noso concello e na nosa comarca é a Xunta de Galiza, concretamente o Consellería de Medio Rural”.
E incidía en que “o incendio que asolou Valdeorras ten que significar un punto de inflexión e un cambio de rumbo. Aspectos como a mudanza climática, o despoboamento do territorio, a desertización, o abandono da actividade agraria e gandeira, un servizo de prevención e extinción de incendios precario e estacionalizado, e unha actividade forestal de monocultivo de especies pirófitas que dan lugar a unha biomasa descontrolada que favorece o lume, deben ser abordados con urxencia”.
Por iso, continúaba o concelleiro, “desde o Bloque Nacionalista Galego non aceptamos o relato de que os incendios son unha fatalidade inevitable, como se dunha praga bíblica se tratase. Tras os incendios hai incendiarios, mais tamén existen causas estruturais que non se poden ignorar. É hora de recoñecer os erros e de mudar as políticas actuais, porque se todo continúa igual, non se pode agardar un resultado distinto cando se repitan condicións climatolóxicas semellantes”.
Ademais plantéxaballe ao Concello que “durante os días nos que o lume estivo asolando o noso termo municipal, gustaríanos que se veciñanza -e os grupos políticos- recibise máis información por parte do Concello.”. E pedía unha “decidida” implicación do Cocnello “na limpeza das fincas e en dispoñer dunha rede completa de mangueiras por todo o territorio municipal, incluída parte da vila máis susceptible de perigo. Como sabemos, a destrución da vexetación e as pendentes elevadas favorecen a erosión. O Concello debía preocuparse por mitigar ese problema”.
Tamén comentaba que “o Concello ten que estar, máis ca nunca, ao servizo de veciñanza. Por desgraza, sabemos por outras infraestruturas, que a sociedade ten que organizarse e mobilizarse para reivindicar ante as distintas administracións aquilo que lle parece xusto. Tamén, no caso dos lumes. De aí que o Concello debera estar coa veciñanza nas súas reivindicacións, apoialas e favorecelas”.
A continuación tomaba a palabra a voceira do grupo municipal do PP, Maite Estévez, quen comezaba explicando a dotación orzamentaria do Pladiga, “200 millóns de euros, nos que inclúe todo o orzamento destinado á prevención e defensa contra os incendios forestais a nivel transversal. Desta cantidade, 50,5 millóns de euros son para prevención e uns 39 para extinción, unha partida que se incrementou notablemente nos últimos anos, o resto suma un gran esforzo en estabilidade e melloras do persoal”.
Por outra banda, a edil popular aseguraba que “é hora de recoñecer os erros e propoñer solucións, por iso dentro das nosas peticións sempre van medidas para mellorar a actuación e mes a mes traémolas a este pleno mediante mocións ou rogos e preguntas posibles deficiencias que sofre no caso do noso concello, como no caso de persoal GES, sobre a seguridade cidadá, o aumento de número de mangueiras de extinción, escaseza ou arranxo de bocas de rego e que se limpen ou desbrocen os camiños públicos, especialmente no rural, e tamén botamos en falta que dende o Concello, independentemente das competencias que puideran ou non ter na emerxencia dos incendios que non houbera unha coordinación ou xuntanza entre todos os membros dos grupos políticos”.

Maite Estévez dicía ademais que “sabemos que hai aldeas do noso concello que quedaron desamparadas polo propio Concello, onde ninguén do Concello se desprazou ata alí, era tan sinxelo como ter comunicación directa con todos os pedáneos das aldeas e que eles fosen os encargados de transmitir e trasladar as necesidades de cada aldea en concreto. Posiblemente evitaría a alarma social que se creou ao non saber en tempo real o que estaba sucedendo, se se corría risco ou non de que chegasen as lapas, polas dificultades visuais que había”.
A voceira municipal do PP pedía tamén que este lume “sirva de precedente a un cambio dende xa, que se realicen as medidas que faltan por rematar e que se continúe con elas rigorosamente, principalmente os desbroces, e que se implemente un plan de actuación de emerxencia propio do Concello”. Tamén expresaba o seu agradecemento a todos os que traballaron para apagar o lume.
E xustificaba a abstención do seu grupo porque na moción “estamos a pedir un todo, que apoiemos deixando á imaxinación da veciñanza calquera reivindicación que convoquen relacionada co lume. Ante a inespecificidade do acordo vémonos na obriga de abstersnos”.
Finalmente, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, facía un resumo de todo o acontecido en relación cos lumes no municipio dende o 13 de agosto e “do que fixo este Concello e estes concelleiros durante eses días ata que o lume foi sofocado. O 14 de agostou saltou a estrada OU-533 á altura de Petín, aí xa empezou a nosa preocupación, porque ata ese momento parecía que era case imposible que chegara. O 15 de agosto saltou o Sil á altura das Pedreiras (A Rúa) e por aquela noite empezaba a subir cara o Barranco Rubio. Aí xa nos empezamos a preocupar de verdade porque o lume, un día ou outro, ía chegar aquí. O 16 de agosto ás 8h. da mañá o concelleiro de obras e eu, daquela tenente de alcalde, estabamos en Santa Mariña e Santigoso e fomos a Fervenza porque era por onde ía entrar o lume e así foi. E estivemos comprobando todas as bocas de rego e falando cos veciños a ver onde estaban as mangueiras que, por certo, mangueiras había. Este grupo de goberno dotou a todos os pobos, menos a Reporicego porque alí non vive ninguén, cun armario con mangueiras no último ano, pero xa anos anteriores se fora dotando ás aldeas de mangueiras. E a totalidade delas contan con bocas de rego. E esas mangueiras estiveron estendidas dende o momento no que se prevía que o lume podía chegar a cada un deses pobos, os veciños xa se encargaron de estendenlas”.

Tamén explicaba que se lle trasladou á veciñanza, a través das redes sociais e os medios de comunicación, ás recomendacións que lles fixo chegar o Distrito Forestal de que había que pechar as ventanas e refrescar, eliminar cortinas ou teas que puidera ser obxecto de lume ou arrimar a leña. “E déuselle orde á Policía Local, que a cumpriu escrupulosamente como sempre, que visitaran ás aldeas ameazadas para darlles estas instrucións aos veciños para que se prepararan”.
Alonso continuaba relatando que o 16 de agosto, durante todo o día, “estivemos moi pendentes e visitando as bocas de rego e comprobando e ás 14h. eu, con Protección Civil, subín ao Alto do Monzón porque por alí era por onde ía entrar o lume e así foi. Durante toda esa tarde estivemos pendentes e o lume non baixou por aí e o día 17 ás 9:30h. chámannos dende Forcadela que había que evacuar e ata alí fomos. Ese día 17, domingo, o lume entrou pola vertente sur do concello e pola norte e houbo un momento no que houbo 21 aldeas do Barco que foron seriamente ameazados polo lume. E o luns máis ou menos o municipio quedou tranquilo porque o lume pasou cara Rubiá e cara Quiroga”. O alcalde felicitaba tamén a todas as persoas que participou para facerlle fronte ao lume.
E adiantaba que xa se están prevendo intervencións en diversas aldeas de cara a reforzarlas fronte a futuros lumes. É o caso dunha pista en Fervenza ou da ampliación do camiño en Xagoaza. “E a UME tamén fixo un labor extraordinario na zona de Vilarrica porque abriu varias pistas e nós seguirmos facendo máis cousas”.
Finalmente a moción saía adiante, coa abstención do PP, pero non de todos os seus concelleiros, xa que Manuel Núñez decidía apoiala e, tras a votación, explicaba os seus motivos. “O meu voto é favorable porque creo que como cidadán do Barco e de Valdeorras esta comarca non tivo o apoio que debeu ter nestes lumes de todas as administracións, os primeiros momentos foron catastróficos, despois si empezaron a aparecer medios. Isto non pode volver a suceder aquí, non poden arder casas e igrexas. Eu son cidadán do Barco e quero o mellor para o meu pobo, isto en Valdeorras non pode volver a pasar. Esta foi a zona cero, aquí non apareceu ninguén”.
Ademais recollendo tamén unha suxerencia da súa compañeira de grupo, propoñía que se créase unha comisión no Concello con todos os grupos políticos para abordar como dar formación e preparación á veciñanza das aldeas de cara a estar preparada para actuar ante un incendio. Algo que o rexedor recollía e apoiaba, dicindo que podería ser incluso dentro da Comisión de Obras e contando coa participación de expertos.
Fotos: A.R.