CulturaCulturaÚltima hora

Arranca a secuela do exitoso filme ‘Cuñados’ producido polo valdeorrés Alfonso Blanco

Dous anos despois da súa estrea en salas de cine, Portocabo prepara '+Cuñados' a segunda parte desta comedia que empezará a rodarse nas próximas semanas na provincia de Ourense

 

Portocabo, a produtora do valdeorrés Alfonso Blanco, da que saíron éxitos como Hierro ou Rapa, confirma que xa está en marcha +Cuñados, a secuela da película Cuñados, unha nova comedia galega que comezará a rodarse nas próximas semanas e terá como escenario principal a provincia de Ourense.

Arranca así un proxecto moi agardado, cando se cumplen dous anos da chegada aos cines da primeira parte que se converteu no seu momento na película coa maior estrea na historia do cine en galego. +Cuñados contará de novo co mesmo elenco principal da primeira entrega: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal.

A provincia de Ourense volverá ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. Ademais, en +Cuñados o público poderá percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade de Ourense preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido ourensán. Como en todos os proxectos de Portocabo, o espazo terá unha relevancia especial na historia, representado a través da cultura e tradicións do lugar.

A película é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE, TVG e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

 

Artigos relacionados

Back to top button