
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 08 Sil-Bibei-Navea está preparando unha estratexia que marcará as liñas de traballo así como os proxectos preferentes e financiables nos próximos anos, tal e como adianta o seu presidente, Paco Magide. Por ese motivo dende este GDR faise un chamamento á participación das entidades tanto do sector público como privado para recoller propostas para o desenvolvemento deste territorio.
O ámbito de actuación do GDR correspóndense cos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. O desenvolvemento rural deste territorio é o obxectivo da estratexia en fase de elaboración, por iso o eslogan dos traballos e do programa é “Na procura da resiliencia territorial”.
Este proceso arrancará o día 9 de novembro coa convocatoria do sector institucional ás 11 da mañá, agardando que haxa representantes dos 10 concellos que forman parte do grupo. Ese mesmo día e pola tarde están convocadas as asociación de mulleres, ás catro da tarde e as asociacións de empresarios ás sete para que fagan as súas aportacións.
Xa a semana que vén está convocado o luns día 14 de novembro ás sete da tarde a mesa do sector agrario, rematando o proceso presencial o mercores 16, tamén ás sete da tarde, coa mesa das asociacións culturais, veciñais e outras.
A información recollida nestas mesas será complementada cun grupo de entrevistas a representantes do sector produtivo, do sector público e a expertos coñecedores da realidade do territorio.
Para facilitar as aportacións do conxunto da cidadanía tamén está dispoñible unha enquisa online onde se poden achegar valoracións sobre os puntos fortes e necesidades do territorio, así como propostas de accións e prioridades. Esta enquisa está dispoñible a través dos perfiles en redes sociais do grupo e tamén se poden realizar aportacións no enderezo de correo electrónico estratexia.gdr08@gmail.com.
O GDR 08 Sil-Bibei-Navea ten previsto rematar estes traballos antes de final de ano para cumprir o plan deseñado dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e contar en 2023 coa documentación definitiva con obxectivos, plan de acción, normas para a xestión da estratexia, plan de seguemento e financieiro.
Dende a xunta directiva deste GDR agárdase unha importante participación, “xa que é momento de aportar as ideas para poder logo presentar proxectos financiables”, aseguran.