Máis de 6.800 petiscos foron servidos nesta IV edición do concurso “Barbadás a bocados” que entregaba os premios na mañá do 9 de outubro.
A votación popular elixiu o petisco da Cova do Savio, “Arume do savio” e o segundo premio recibiuno o pincho do establecemento A Pedreira. O xurado profesional (chefs profesionais da asociación Cociña galega) decidiu que os mellores pinchos eran “Torrada sifrina”, do establecemento D´Morrofino Taberna Galega e “Bacaburra”, do Bar Parque Patos.
Respecto aos premios outorgados polo xurado profesional, na entrega estiveron Luis Miguel Redondo (D´Morrofino Taberna Galega), que foi o primeiro galardoado e os representantes do segundo premio: Victor Rojo e Susana Doval (Bar Parque Patos). Tamén recibiron o accésit ao mellor pincho sen glute Herminda Sanz (Solaina) e a galardoada ao mellor pincho doce, Lola Magariños (La Ibense).
No acto, o rexedor de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, afirmou que este tipo de eventos pretenden “motivar aos hosteleiros a seguir participando porque son eles e elas os que obteñen un maior rendemento a nivel de visibilidade non só durante o concurso de pinchos, senón durante todo o ano”. Pola súa banda, o chef Miguel González, de Cociña Galega, comentou que “Barbadás a bocados” supón un referente para dar visibilidade ao locais e para que Barbadás se convirta nun lugar para ir a tapear”.