ConcellosÚltima hora

As Asociacións do Camiño de Inverno a Santiago solicitan que se corrixa o trazado da ruta polo Barco, Monforte e Lalín

Reunión das Asociacións do Camiño de Inverno a Santiago en Monforte./ Foro cedida.

 

Continúa a polémica pola nova sinalización do Camiño de Inverno. Por iso, despois de repetidos escritos por parte de cada un dos colectivos sen ter ningunha resposta ao demandado, as Asociacións do Camiño de Inverno a Santiago (pola Ribeira Sacra, por Valdeorras e por Lalín- Deza) promotoras da recuperación e divulgación da ruta, decidían dirixirse de forma conxunta ao organismo que lle compete o Plan de Ordenación Básico do Camiño de Inverno.

Así, os presidentes dos devanditos colectivos reuníanse en Monforte de Lemos o mércores 16 de xuño para tratar sobre a problemática surxida ante a nova sinalización que se está levando a cabo sobre o trazado do Camiño de Inverno polo casco urbano das vilas de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Lalín, por parte da Axencia de Turismo de Galicia, “unha sinalización discordante coa que ata agora figuraba no trazado de ditas vilas realizada polas devanditas asociacións, en base á documentación que foron recompilando ao longo de máis de 20 anos”, aseguran.

No texto remitido ao organismo correspondente, aseguran que en desacordo con estes trazados realizados pola Axencia de Turismo, xa enviaran respectivas alegacións dende o ano 2019, 2020 e 2021 ás direccións xerais de Turismo e de Patrimonio da Xunta de Galicia, engadindo que “esa sinañización tamén contou co rechazo da cidadanía e asociacións veciñais, quenes, a súa vez, elevaron a esas direccións xerais competentes no trazado e sinalización do Camiño sendos escritos de reclamación, como foi o caso da Asociación Veciñal Eduardo Pondal de Monforte de Lemos, a de Porto da Barca e do IEV do Barco de Valdeorras ou mesmo dos concellos, coma o de Lalín”.

 

Fito do Camiño de Inverno no cruce entre Eulogio Fernández, Conde Fenosa e Estación, no Barco de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Dende as Asociacións do Camiño de Inverno a Santiago agradecen as rectificacións realizadas ata agora, pero consideran que “o problema non está resolto de raíz mentres non se corrixa no Plan Básico de cada concello ese trazado erróneo”, lamentando que non se conte con elas e non se lles informe, xa que foron as que recuperaron esta ruta e sinalizaron o Camiño de Inverno ata a actualidade.

Así pois, solicitan que se corrixan os respectivos Plans Básicos de cada concello con respecto ao trazado do Camiño de Inverno polas vilas de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos e Lalín, según a sinalización que ata agora se podía seguir por cada un destes lugares, a través das flechas amárelas que estas Asociacións marcaron, ou ven a través das webs e guías editadas ata agora. “Unha sinalización que conideramos se debe manter, mentras non se realiza a delimitación do Camiño de Inverno”.

A presidenta da Asociación do Camiño de Santiago por Valdeorras, Asunción Arias, asegura que este é o primeiro paso dos colectivos para tentar resolver a problemática creada ao longo do Camiño de Inverno coa nova sinalización.

 

Artigos relacionados

Back to top button