OurenseÚltima hora

As “cañas fritas” da Confitería Cerviño do Carballiño, certificadas co selo de Galicia Calidade

Trátase dunha empresa familiar con máis de 50 anos de experiencia na elaboración artesán de produtos reposteiros e especializada nas recoñecidas Cañas deste concello ourensán

A Confitería Cerviño, unha empresa familiar que basea a elaboración dos seus produtos de repostería na tradición e no traballo artesán con sede no Carballiño, recibía neste luns 17 de xuño de mans da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o distintivo de garantía de Galicia Calidade, nun acto que tamén contaba coa presenza do alcalde do municipio, Francisco Fumega.

Isto implica que a partir de agora a Confitería Cerviño contará co selo de garantía para as súas “cañas fritas” comercializadas coa marca Cerviño, recheas de crema ou nata. As cañas do Carballiño, recoñecidas a nivel internacional, elabóranse dende hai máis de 50 anos neste establecemento familiar, que durante catro xeracións liga o seu apelido á calidade e á tradición artesán e resposteira.

A directora xeral de Comercio agradeceu a aposta da Confitería Cerviño por promocionar un produto tan ligado á tradición reposteira de Galicia e do Carballiño. Con este recoñecemento, as cañas Cerviño poderán chegar a novos mercados, coa garantía que lles ofrece o selo de Galicia Calidade e distinguirse pola súa orixe e calidade superior.

O xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, sinalou, pola súa banda, a relevancia do sector alimentario dentro do selo e mostrou a súa satisfacción pola incorporación dun produto tan representativo da repostería galega como as cañas fritas do Carballiño. Deste xeito, destacou que “sumamos un novo produto tan coñecido e representativo de Galicia e do Carballiño a unha lista moi completa na que integramos produtos galegos de calidade coma ovos, viño, polo, auga ou a pescada, entre outros”.

Con esta incorporación, o selo de certificación Galicia Calidade suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 110 empresas galegas.

Artigos relacionados

Back to top button