SanidadeÚltima hora

As carreiras contra o cancro de páncreas, entre elas a de Vilamartín, financian dúas investigacións sobre este tumor

Os traballos xa foron seleccionados e xa se fixo entrega da beca aos investigadores. Ao mesmo tempo, as promotoras da carreira valdeorresa xa preparan a nova edición, prevista para o 24 de novembro
Acto de entrega das becas de investigación que se financiarán coas Carreiras das Cidades contra o Cancro de Páncreas./ Foto cedida.

 

A Asociación Cancro de Páncreas e a Asociación Española de Pancreatoloxía veñen de facer entrega das IV Becas de Investigación Carmen Delgado/Miguel Pérez-Mateo, dotadas con 77.000 euros cada una (un total de 154.000 euros), grazas aos fondos solidarios procedentes das Carreirsa das Cidades, unha das cales se celebraba o pasado novembro en Vilamartín de Valdeorras con motivo do Día Mundial do Cancro de Páncreas. Era ademais a primeira celebrada en Galicia, que incluía tamén unha andaina, e resultaba un auténtico éxito que desbordaba as expectativas iniciais da organización cuns mil participantes.

Nesta edición das becas foron seleccionados dous proxectos entre os máis de 30 presentados á convocatoria: 13 na categoría de investigación básica e 19 en clínica. Así a beca en clínica foi para o proxecto liderado polo doutor Alfredo Carrato do departamento de Oncoloxía Médica do Hospital Universitario Ramón e Cajal de Madrid polo “Programa de aproximación á detección precoz do cancro de páncreas exocrino en poboación xeral de maior risco, definida por criterios clínico-epidemiolóxicos, mediante novos biomarcadores en biopsia líquida e técnicas de imaxe”.

Por outra banda, a beca en investigación básica correpondeulle á doutora Eva Vaquero do Servizo de Gastroenteroloxía do Hospital Clínic en Barcelona, polo proxecto “Intervención farmacolóxica sobre o patrón fibroinflamatorio asociado ao desenvolvemento de cancro de páncreas”.

Os dous proxectos contarán con 77.000 euros, cada un, obtidos grazas á solidariedade de todas as persoas e entidades que colaboraron na IV Carreira das Cidades de 2018. “Estas axudas pretenden mellorar e encontrar novas vías de prevención, tratamento e diagnóstico deste tumor que ten a taxa de supervivencia máis baixa de todos os tipos de tumores. En España, o ano pasado diagnosticáronse máis de 7.700 casos dos que o 93,7% non superou o ano de vida”, indican dende ACanPan e AESPAC.

Nova Carreira en Vilamartín, o 24 de novembro

Por segundo ano consecutivo, Vilamartín acollerá no outono unha nova edición da Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas. Será o 24 de novembro e nela as súas organizadoras esperan superar a asistencia do pasado ano. Para Belén Gómez, Patricia González e Eva Iglesias, responsables da Carreira das Cidades en Vilamartín de Valdeorras, “a organización da primera edición resultou unha terapia” tras a pérda dun familiar, Miguel. “Cos resultados alcanzados, materializados agora na entrega destas becas, reconfórtanos saber que ao final a súa marcha non foi en vano, senón que toda unha comarca (Valdeorras) forma parte dun obxectivo común no que cada un aporta a súa parte”, indican.

 

As organizadoras da carreira valdeorresa entregando o recaudado á Asociación de Cancro de Páncreas no pasado mes de marzo no Hospital Comarcal Valdeorras./ Foto: Ángeles Rodríguez.

As inscricións abriranse en datas próximas e poderán formalizarse a través da web: https://www.carreirasgalegas.com/carreira/ii-carreira-e-andaina-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas/6d6bd07e-d7d1-8402-0d80-39eda0c9d19d

 

Participantes na primeira edición da Andaina e Carreira das Cidades en Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button