Continúan as visitas dos catadores da Asociación de Sumilleres Gallaecia ás denominacións de orixe galegas. Tras pasar por Valdeorras e Monterrei, o 15 de xullo achegábanse ata Monforte á sede do Consello Regulador da Ribeira Sacra onde valoraban 96 mostras de 26 adegas, 64 de tintos, 27 de brancos e 5 rosados. Os viños pertencían ás añadas 2014, 2015, 2016, 2017 e 2018.
En total participaban 13 catadores distribuídos en dous paneis de cata, que analizaban “viños de mercado”, adquiridos directamente en tendas. Tras a cata, o presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia, Aurelio Vázquez, destacaba sobre a anada 2018 na D.O. Ribeira Sacra que “son viños moi frescos, con moito equilibrio. A verdade é que me gustaron moito, tanto en tintos como en brancos, e os rosados, que se presentan como novidade son sorprendentes, moi ricos. Vaise notando nos viños a incorporación doutras variedades e iso failles gañar en complexidade, algo que pode faltar noutras Denominacións. A maiores, estes viños sempre se caracterizan pola súa tipicidade, esas particularidades que teñen segundo a subzona da que proveñan.”
Os viños mellor puntuados pasarán á cata final das Distincións Gallaecia que acostuma celebrarse en setembro. Estas catas serven ademais para elaborar a “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2020” que dirixe Luís Paadín.