ConcellosÚltima hora

As charangas Nova Terras de Trives e Europa amenizarán a XXV Festa da Carne de Montederramo

O menú custa 17 euros e inclúe tenreira en empanada, richada e ao caldeiro, bica e viño da Ribeira Sacra
A Charanga Nova Terras de Trives na anterior edición da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Moita animación se espera mañá 12 de outubro en Montederramo. Non só por ser festivo nacional senón porque se celebrará a XXV edición da Festa da Carne, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da provincia de Ourense como unha homenaxe á tradición gandeira do municipio, coincidindo ademais coa feira mensual que se celebra o día da Virxe do Pilar.

En torno ás 14h. abriranse as portas da carpa instalada na praza do pobo, onde os asistentes poderán degustar a carne de tenreira nas súas diferentes expresións culinarias: ao caldeiro, richada e en empanada, regada cos mellores viños da Ribeira Sacra, ademais de bica, licor café e oruxo. O prezo da entrada mantense nos 17 euros e poderanse coller ese mesmo día na Oficina de Turismo na planta baixa da casa consistorial a partires das 11 horas.

 

Carne de tenreira ao caldeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ao longo da xornada tampouco faltará a música. Pola mañá actuará a charanga Nova Terras de Trives e a partir das catro da tarde será a Charanga Europa quen faga bailara aos asistentes.

O xantar será o acto central da xornada pero non o único xa que ao longo da mañá, os asistentes poderán mercar todo tipo de artigos nos numerosos postos que se instalarán nas rúas da vila, dende roupa, calzado ou produtos gastronómicos, ata apeiros de labranza. Ademais, haberá unha exposición de gando de Montederramo.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button