En portadaÚltima horaVídeos

As claves para competir e innovar no rural, no I Foro Think Tank Valdeorras

Esta iniciativa, promovida  pola Confederación Empresarial de Ourense en colaboración co IGAPE e a GAIN, celebrábase esta mañá no Pazo do Castro (O Barco)

 

Ás 10h. deste 29 de setembro abríase o “I Foro Think Tank Valdeorras: As empresas do rural ante os novos retos” que se desenvolvía, no marco do programa Conecta Ourense, no Pazo do Castro (O Barco) en xornada de mañá. Con esta iniciativa, promovida  pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) en colaboración co IGAPE e a GAIN, preténdese “divulgar experiencias empresariais reais enriquecedoras que teñan que ver cos novos retos aos que se enfronta o rural como son a economía circular, a dixitalización ou a innovación”.

 

 

O encontro, que contaba coa presenza do director do Igape, Fernando Guldrís, achegaba experiencias empresariais que abordan retos da economía rural como a economía circular, a dixitalización, a sustentabilidade e a innovación. Iniciábase coas intervencións da vicepresidenta da Asociacióni Empresarial de Valdeorras, María Carmen Rodríguez, e da presidenta da CEO, Marisol Novoa, quen destacou a importancia deste encontro para debater sobre estas cuestións nun formato que permite a participación directa de empresarios, expertos e administracións. Ademais incidía no valor da dixitalización.

 

 

 

 

O director do Igape e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, moderaron mesas de debate ao redor de como competir e como impulsar a innovación no rural, respectivamente. Ambos destacaron a aposta de Xunta de Galicia polo rural, motor da economía galega, e coincidiron en que o papel da Administración autonómica debe ser acompañar ás empresas e emprendedores para evolucionar cara a unha economía máis dixital, verde e innovadora.

Por unha banda, Fernando Guldrís, introducía a primeira das mesas redondas, centrada en como competir cunha empresa nun ámbito rural. “O rural é o noso pulmón e é clave que o coidemos”, dicía. Ademais o director do Igape apuntaba que a dixitalización é unha grande oportunidade para o tecido empresarial rural, xa que permite emprender e mellorar a competitividade de sectores como a agricultura ou a gandería. Así mesmo, subliñou a necesidade do investimento público-privado, para “impulsar a formación neste eido e atraer proxectos tractores que poñan en valor recursos locais, nichos de mercado e xeren alternativas para emprender, e do impulso ao desenvolvemento do mundo rural baseado na economía circular, para revalorizar e optimizar os abundantes recursos do mundo rural”.

 

 

Argerey, pola súa banda, animou ás empresas asistentes a innovar para facer fronte aos retos globais e para gañar competitividade nun mundo globalizado como o actual. Insistiu en que a innovación está ao alcance de todos e que non está reservada ás grandes empresas nin a sectores determinados. De feito, apuntou que a innovación é clave para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar e que non está restrinxida á innovación tecnolóxica, senón a calquera cambio nos distintos ámbitos de actividade da empresa que xere ingresos.

Os expertos participantes nesta primeira mesa redonda foron Cristina Martínez, especialista en intelixencia competitiva e estratexias de márketing para a internacionalización e directora de expansión en Redflexión Consultores, quen falou de competir no rural creando unha mellor experiencia do cliente. A relatora fixo fincapé en aproveitar o que denominou a co-competencia (colaborar coa competencia) e os marketplace, para mostrar o produto alí onde haxa un cliente. Apostou tamén por innovar nos modelos de negocio e traballar mediante estratexias creadas.

Pola súa banda, Jorge Domínguez, relator tamén neste panel e experto en Ecoloxía do Solo da Universidade de Vigo, introduciu a ‘Economía circular e sustentabilidade no sector vitivinícola’ facendo alusión a un caso práctico e afirmou que a sustentabilidade é barata e polo tanto merece a pena poñela en marcha, aludindo ademais a que é extrapolable dun proxecto a outro.

A experiencia inspiradora en economía circular para esta primeira mesa viu da mao de David Sueiro, o fundador de Galo Celta, unha granxa avícola artesanal de Vila de Cruces dedicada á cría en liberdade de galos e galiñas. Sueiro falou da simbiose entre rendibilidade e boas prácticas rurais apostando pola internacionalización e por un modelo sostible. Esta pequena explotación do rural galego, comprometida con levar ao mercado produtos avícolas artesáns, afrontou o reto de lograr que os seus produtos sexan máis sostibles e os seus ovos foron os primeiros en obter a certificación de pegada ambiental calculada en España. Sueiro recomendou poñer paixón e ganas no traballo e incorporar talento ás empresas, ser versátil e saber cambiar, ademais quixo destacar o poñer en valor a tradición e o patrimonio inmaterial de vivenzas no campo

A segunda mesa, que levaba por título Como impulsar a innovación no rural, foi presentada pola directora da Axencia Galega de Innovación Gain, Patricia Argerey e nela participaron expertos en innovación que achegaron fórmulas para implantar unha cultura innovadora nas pequenas empresas do rural. Patricia Argerey animou ás empresas asistentes a innovar para facer fronte aos retos globais e para gañar competitividade nun mundo globalizado como o actual. Insistiu en que a innovación está ao alcance de todos e que non está reservada ás grandes empresas nin a sectores determinados. De feito, apuntou que a innovación é clave para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e crecer e que non está restrinxida á innovación tecnolóxica, senón a calquera cambio nos distintos ámbitos de actividade da empresa que xere ingresos.

A primeira intervención desta segunda mesa de debate foi a de Francisco Plaza, cofundador da enxeñería de organización Teamandtime Solutions e axente facilitador da innovación cuxo traballo se centra na optimización de procesos, a eficiencia e o incremento da produtividade en base á metodoloxías Lean. Plaza destacou a importancia de implementar os cambios desde as direccións empresariais ofrecendo ferramentas aos seus traballadores para facelo. Segundo Plaza, as empresas teñen que ser tácticas e non estratéxicas xa que hai que estar preparado para unha adaptación rápida a novas necesidades.

Na segunda intervención deste bloque, José M. Suárez, ‘Súa’, experto na creación e desenvolvemento estratéxico de empresas, propostas de valor e xeración de marcas, espuxo a necesidade de innovar creando propostas de valor centradas no cliente. Súa explicou que falta cultura empresarial e cultura de emprendemento en moitos casos para motivar e mellorar as propostas de mercado das empresas e animou aos asistentes a ser innovadores á hora de comunicar os seus produtos. Tamén fixo reflexión sobre a necesidade de que os gobernos atallen o problema da falta de boa conexión a internet no rural que fai perder competividade ás empresas que se localizan no mesmo.

A experiencia inspiradora de innovación no rural veu da man de Jara Pascual, asesora da Comisión Europea en políticas de innovación, que deu consellos e pautas aos asistentes de como manter un negocio nun pobo a través da innovación desde unha metodoloxía introspectiva que nos permita pensar que podemos mellorar na nosa empresa e realizar as accións necesarias para poder implementar esas melloras. Segundo Pascual, estamos nun momento de policrise xeral pero esta mentalidade de crise no fondo nos axuda a mellorar procesos, metodoloxías e traballo.

Este foro perseguía sobre todo aportar coñecemento para as empresas e facilitar o desenvolvemento no rural ao igual que informar sobre as ferramentas institucionais que os asistentes tiñan en marcha para acadar financiamento para as súas iniciativas, facendo ademais unha escoita activa das propostas lanzadas polos asistentes para adaptar as futuras convocatorias e iniciativas públicas ás necesidades e características das empresas da comarca de Valdeorras.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button