CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

As coplas, o ritmo e os versos retranqueiros dos Maios do Barco

 

“Comezamos este Maio/ con bicos e ledicia/ nenas e nenos de quinto/ desexámosvos bo día”. Deste xeito abría o alumnado do CEIP Condesa Fenosa do Barco o canto de coplas na celebración da festa dos Maios celebrada onte na praza do Príncipe da vila. Rimas, música e moita retranca para conmemorar esta celebración que rende tributo á natureza.

 

 

En total neste concurso había 5 participantes, que comezaban a interpretar as coplas (nalgúns casos acompañados por instrumentos como pandeiretas, frautas, palitroques, cunchas ou mesmo un acordeón) a partir das 13:30h., á beira dos Maios expostos.

 

 

Tras o CEIP Condesa de Fenosa, subían ao escenario os representantes da Asociación de veciños O Regueiral, do CEIP Otero Pedrayo de Viloira, da Anpa Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán e do Colexio Divina Pastora. Finalmente, aínda que xa fóra do concurso, o párroco do Barco, Jesúa Álvarez, facía unha pequena intervención explicando o sentido do Maio elaborado polo grupo de catequese de Santa Rita, no que se lembraba a catástrofe dos incendios do pasado verán e poñía en valor a importancia da natureza. Despois, xunto a varios nenos do grupo, facían unha pequena representación nese mesmo senso.

Fotos: A.R., agás as dúas primeiras fotos da galería.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button