En portadaÚltima hora

As covas de Seadur (Larouco) acollen o taller do Proxecto Lugares no que participan unha vintena de expertos

A iniciativa, impulsada pola Xunta, ten como obxectivo "poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público do Camiño de Santiago"

 

O Castelo de Pambre, en Palas de Rei, acollía o martes 18 de abril a apertura do Proxecto Lugares, unha iniciativa innovadora impulsada pola Xunta de Galicia e pola Fundación “La Caixa” para transformar, dun xeito colaborativo e sostible, o espazo público do Camiño de Santiago.

Ao longo de toda esta semana, e nun ámbito de actuación que abrangue os municipios de Palas de Rei e Larouco, máis dunha vintena de profesionais da arquitectura, da paisaxe, do deseño e da artesanía debatirán, pensarán e deseñarán, da man da comunidade local da Ulloa e de Valdeorras, posibles intervencións para implantar no territorio.

Tralo Seminario que se celebrou na xornada do martes e na maña deste mércores 19 de abril e no que se abordan diferentes intervencións arquitectónicas, paisaxísticas e artísticas contemporáneas no espazo público do Camiño de Santiago, o grupo desprazábase ata a comarca de Valdeorras, concretamente ao concello de Larouco, para participar no taller que se está a desenvolver nas covas de Seadur.

 

A alcaldesa de Larouco e a directora da Axencia de Turismo de Galicia coa arquitecta técnica Carina Rodríguez.

 

En torno ás seis da tarde os participantes eran recibidos pola alcaldesa do municipio, Patricia Lamela, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, nun acto de benvida e presentación ao que tamén asistían os coveiros e Carina Rodríguez, arquitecta técnica e estudosa da arquitectura do viño, encargada de guiar ao grupo polas tipoloxías de covas. A presentación do espazo no que se desenvolve o taller e presentación da dinámica do mesmo e do territorio correu por costa da ruesa Cristina de la Torre.

A alcaldesa de Larouco daba a benvida los asistentes, lembrando a orixe deste proxecto hai aproximadamente un ano “cando a directora da Axencia Turismo de Galicia visitaba por primeira vez as covas de Seadur e vía o seu potencial”, dixo Patricia Lamelas, dando as grazas aos asistentes por participar no taller e sobre todo aos coveiros por manter estas espectaculares infraestruturas.

Nava Castro pola sea banda, explicaba que este proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo, propón, da man da comunidade local, “imaxinar e deseñar intervencións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade, coa intención de poder implantalas en territorios atravesados pola ruta xacobea”.

 

 

As covas de Seadur acollen o obradoiro do proxecto para a transmisión de técnicas e coñecementos de arquitectura, deseño, paisaxe e artesanía, e poder levar a cabo unha maqueta ou prototipo dunha posible intervención nun espazo público do Camiño de Santiago. A ese respecto, Nava Castro destacou a importancia de poder levar a cabo proxectos como este que “contribúen a fortalecer mediante actuacións paisaxísticas o Camiño de Santiago para poñer en valor e transformar dun xeito sostible un dos itinerarios máis transitados do mundo”.

Castro recoñeceu que unha vez rematado o Xacobeo 21/22 propoñíanlle ao Concello de Larouco participar neste proxecto para poñer en valor “esta colección etnográfica tan importante como a que tedes aquí, mantida polos coveiros, que merecen o pulo da Administración pero sempre co compromiso de xente con iniciativa privada e social”. A directora da axencia tamén daba as grazas aos profesionais por participar neste proxecto que “esperamos marque un antes e un despois”. A visita incluía a degustación de viños da Denominación de Orixe Valdeorras elaborados en adegas de Seadur.

O programa continuará mañá. De 9 a 13:30 horas darán un paseo polo Camiño de Inverno con visita a diferentes lugares de Valdeorras e encontros con José Fernández, director da área de arqueoloxía do IEV e con Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras. De seguido comezará o taller nas covas de Seadur coa visita do delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén e que se reanudará a partir das 16h. e ata as 19:30h. cando se fará un percorrido pola Rúa Vella cun encontro con viticultores e produtores locais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button