CulturaCulturaÚltima hora

As curtas do Festival de Cans chegarán o 10 de setembro ao Barco

Un total de 13 pezas poderán verse a través do formato "Cans Expandido", que tamén estará en Ourense e no Carballiño

Unha das imaxes do Festival de Cans (O Porriño)./ Foto: Alberto Barahona.

 

O Festival de Cans pon en marcha este mércores a súa versión “Cans Expandido”, un formato inédito que servirá para levar as curtametraxes que participaron nas sección de Ficción e Animación da competición oficial do XVII Festival de Cans, celebrada a pasada semana, a nove salas de cine de toda Galicia. Entre elas estará O Barco, así como as de Ourense e O Carballiño.

O proxecto “Cans Expandido” aposta por “incrementar a visibilidade das curtametraxes, ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid”, indican os seus promtores. Os filmes chegarán a 8 cineclubes de toda Galicia e máis á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), na Coruña.

As proxeccións comezarán o día 9 nos cineclubes de Cangas, o Lumière de Vigo, e o CineClube Adega de Vilagarcía de Arousa. O día 10 chegan á sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña e máis ao Barco, con proxeccións pola noite na praza Maior da vila, a través do Cine Club Groucho Marx.

O día 11 de setembro ao CineClube Os Papeiros de Chantada e por último, o día 12, ás salas dos cineclubes Val Miñor AG de Nigrán, ao Padre Feijoo de Ourense e ao CineClube do Carballiño.

Esta iniciativa, innovadora entre os festivais españolas, chega xusto no ano no que por motivos sanitarios Cans tivo que reducir sensiblemente o seu aforo. “A suma de esforzos do Festival de Cans, a Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) e máis o propio CGAI permite levar as obras proxectadas no Festival a máis de 1.050 butacas de salas repartidas por toda Galicia”, indica a organización do evento.

 

Público asistente a esta edición do festival./ Foto: Alberto Barahona.

 

Proxección de 13 curtas

En cada unha das sesións exhibiranse as 13 curtas que forman parte da sección oficial de ficción e animación do Festival de Cans. Cada unha das proxeccións terá un prezo de 4 euros, e a suma total da taquilla destinarase ao Premio FECIGA, que irá parar á curtametraxe elixida por un xurado formado por membros dos cineclubes de Galicia. Este galardón non estaba inicialmente previsto nas bases e facilita xerar un apoio económico adicional para o equipo que desenvolveu o filme vencedor. O proxecto Cans expandido tamén contempla a difusión en liña e mediante pago por visión na web do certame entre os días 13 e 17 de setembro.

 

 

Entre as películas que se proxectarán están “Xoves de comades”, de Noemí Chantada, a gran vencedora do Festival de Cans, con 4 galardóns, e 16 de decembro, de Álvaro Gago, que obtivo dous premios.

Neste formato expandido, o público tamén poderá ver “Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos” e que lle valeu á actriz Bruna Cusí o premio a mellor interpretación feminina; “Mentres iso pasa”, dirixida por Nacho Ozores na que o traballo de Denís Gómez foi recoñecido coma a mellor interpretación masculina; a curtametraxe “Conte Trencat”, de Miguel Gago, que lle valeu a Mario G, Cortizo o premio á Mellor Banda Sonora.

Os afeccionados á animación poderán desfrutar “El Gran Corelli”, de Abel Carbajal, que levou o premio nesa categoría en Cans. Competía con Realty, de David Fidalgo Omil, e coa cinta Season, da realizadora italiana afincada na Coruña Giovanna Lopalco.

Completan o cartel “Mare”, de Guille Vázque, un traballo de corte experimental; a película “Blacks or Whites”, de Anita Pico; a cinta “Papá, por qué quitas a música?”, de Ariadna Cordal; a curtametraxe “Baladas de Amor e Morte”, da dúas veces finalista en Cans Iria Ares; a animación “Hijos del cuerdo” de Borja Santomé, que xa fora gañador do Premio do Xurado na categoría de animación.

Artigos relacionados

Back to top button