En portadaPolíticaÚltima hora

As eleccións galegas serán o 12 de xullo

Así o vén de anunciar o presidente galego, tras o Consello da Xunta extraordinario celebrado este luns 18 de maio

O presidente da Xunta, durante a súa comparecencia, tras o Consello da Xunta extraordinario deste luns.

 

Os galegos serán convocados ás urnas o vindeiro 12 de xullo. O Consello da Xunta vén de aprobar este luns 18 de maio o decreto de convocatoria electoral para esa data, tal e como informaba en rolda de prensa o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, tras asegurar que a comunidade está “nunha fase de control da pandemia”.

Ademais Feijóo lembraba a suspensión dos comicios previstos inicialmente para o 5 de abril e que “o 25 de setembro cúmprense catro anos dende as últimas eleccións galegas, isto obriga a poñer unha data antes de que rematen os catro anos de lexislatura”.

O presidente da Xunta indicaba que “fixen unha consulta a diferentes expertos sanitarios e tamén ao letrado xefe da Asesoría Xurídica e ao seu equipo para que nos indicasen cal eran as súas recomendacións sanitarias e legais para atopar o domingo con menos incertezas para celebrar as eleccións autonómicas”, considerando como máis adecuada a do 12 de xullo.

“O 12 de xullo é a primeira data dende que permite o prazo obrigado de 54 días de antelación”, matizaba Feijóo.

A campaña electoral durará os 15 días que establece a lei, confirmaba, e desenvolverase coas restricións que marque a fase correspondente da desescalada. “Cada partido poderá decidir se a diminúe tanto en prazos como en intensidade”, dicía Feijóo.

O decreto de convocatoria electoral sairá publicado mañá no DOG.

 

As reaccións ante a convocatoria

BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, insistiu en que votar o 12 de xullo “en pleno estado de alarma e nun proceso imprevisible de desescalada é unha temeridade e oxalá non haxa que lamentar esta decisión, de todo corazón o digo, pero a proba de que Feijóo está xogando con lume é que o propio decreto de convocatoria poder prever unha nova cancelación dando por feito a posibilidade dun reponte da pandemia que podería ter consecuencias moi graves porque o nivel de inmunidade da poboación galega fronte ao virus é mínimo, como sinalan os estudos epidemiolóxicos”, explica a líder do BNG.

En todo caso, a decisión está tomada, “e ante este feito que non podemos cambiar só nos queda desexar, insisto, que non teñamos que lamentar esta decisión polo ben de todos e de todas”. A partir de agora, anunciaba, o BNG vai traballar para trasladar á sociedade galega as súas alternativas. “A folla de ruta do BNG é clara: a reconstrución económica e social de Galiza para sacar adiante a este país ante a crise brutal que nos afecta de cheo e que puxo patas arriba a vida dos galegos e das galegas.

 

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG.

 

Ciudadanos

“A Xunta debe garantir que os galegos poidan exercer o seu dereito a voto sen ningún tipo de risco para a súa saúde”, di a portavoz de Cs en Galicia, Beatriz Pino, tras o anuncio de convocatoria de eleccións galegas.

“Nós sempre apostamos por alonxar a cita electoral do momento actual. Xullo non era a data ideal pero tampouco hai un escenario nin data perfecta á que acollernos”, sinalaba Pino.

 

Beatriz Pino, portavoz de Ciudadanos en Galicia.

 

Galicia en Común-Anova Mareas

Malestar dende Galicia en Común-Anova Mareas pola convocatoria electoral. Antón Gómez Reino, voceiro da coalición, aseguraba que “estamos ante unha enorme imprudencia e irresponsabilidade na que Feijóo empurra unha convocatoria electoral no medio da situación sanitaria, epidemiolóxica, económica e social na que está agora o país. É unha enorme, sorprendente e lacerante falla de respecto” ao conxunto de profesionais que levan meses esforzándose por parar o Covid; ao conxunto da cidadanía galega que leva dous meses de esforzo e sacrificio.

Gómez Reino incide en que “Feijóo minte. Mentía cando dixo que as eleccións non estaban na súa axenda. Estremece a absoluta irresponsabilidade de quen nos tiña que coidar, e que nos leva a votar cando tiñamos que estar a traballar conxuntamente para sacar ao noso país adiante”.

 

Antón Gómez Reino, portavoz de Galicia Común-Anova Mareas.

 

PSdeG-PSOE

Para o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, “Feijóo impón un calendario electoral que os galegos non compartimos, está escribindo as súas últimas páxinas á fronte do goberno da Xunta”.

En todo caso, trala decisión de Feijóo de chamar ás urnas o 12 de xullo, Caballero asegura que “os socialistas estamos preparados para darlle a Galicia un proxecto de compromiso coa sanidade pública, co estado do benestar e unha política de reconstrución ao servizo da cidadanía, para que ninguén quede na cuneta na recuperación da crise económica”.

Así é que o máximo dirixente do PSdeG asegurou que “o noso compromiso” de cara ao vindeiro 12 de xullo basearase na importancia do estado de benestar, nomeadamente no que atinxe á sanidade pública, e na posta en marcha dunha nova política económica. “Esa será a nosa tarefa”, concluíu.

 

 

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button