ConcellosEn portadaO BoloÚltima hora

As entradas para a XIII Ruta dos Fornos de Celavente (O Bolo) poranse á venda o 15 de abril

Participantes na anterior edición da Ruta dos Fornos de Celavente./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A seguinte cita gastronómica, tralas exitosas XIII Festa da Vitela no Bolo e XVIII Covas de Seadur, será de novo no municipio de O Bolo.

Tres anos despois da última edición e unha vez superada a pandemia, regresa ao calendario festivo da comarca de Valdeorras a Ruta dos Fornos de Celavente. Unha iniciativa que nacía hai máis dunha década e que mestura gastronomía, natureza, sendeirismo, patrimonio e mesmo artesanía. Trátase dunha proposta da Asociación Centro de Animación Rural Celavente para dar a coñecer e poñer en valor os fornos comunais e fontes restaurados do pobo, cuxa XIII edición celebrarase o vindeiro sábado 29 de abril.

Tal como avanzan dende a organización, o programa seguirá a liña de anos anteriores e será o veciño Juan Corzo quen marque o inicio da ruta no punto de partida da camiñata, coa lectura dos poemas que el mesmo escribe adicados ao pobo de Celavente. Alí, na caseta instalada na estrada, os asistentes poderán recoller a taza e as entradas (no caso de que as teñan reservadas) e xa ás 13h. tralo pregón e co acompañamento musical dunha charanga, arrancará o percorrido duns 4.600 metros polos diferentes barrios do pobo, ata rematar na praza.

 

Parada nun dos fornos da ruta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A primeira parada será na zona alta do pobo, no Forno do Viduedo con chourizo e viño ou auga. A seguinte parada, tamén na parte alta do pobo será no Forno dos Ortos onde se poderá degustar empanada e de novo, viño e auga. A partires de aí comeza a baixada atravesando soutos e estradas ata chegar á parte baixa da vila. A terceira parada será o Forno de Outeiro con orella e morro cocidos (pan e bebida), e de aí haberá que coller un pequeno desvío para chegar ata a Adega da Capilla para degustar o doce de castañas. Baixando uns metros máis está o Forno do Fondo no que terán preparado xamón asado. O percorrido complétase co Forno do Campo no que servirán torta de roxóns e licores, e o Forno do Cima con roscón e máis licores.

As entradas estarán á venda a partir do sábado día 15 de abril no restaurante A Lareira e no Bar 4 Camiños da Rúa; e no Restaurante Volobriga do Bolo, e custarán 15 euros para os adultos e 7 para os nenos de 6 a 14 anos. Tamén poden reservarse no correo electrónico: rutadosfornos@terrasdobolo.com.

Artigos relacionados

Back to top button