En portadaÚltima horaVídeos

As entradas para a XXI Festa do Botelo do Barco poranse á venda o 14 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo

 

A pandemia levou moitas cousas, entre elas a Festa do Botelo pero despois de dous anos de parón, o Concello do Barco por fin presentaba a XXI edición da cita gastronómica que se celebrará o vindeiro 21 de xaneiro. “Alégranos moito poder recuperala e con plena seguridade”, dicía a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, no acto asegurando que as actividades comezarán xa unha semana antes.

Será precisamente coa posta á venda das entradas, 1.150 (150 serán de convidados), o vindeiro sábado 14 de xaneiro a partir das nove da mañá no Teatro Lauro Olmo “coa proxección dalgún filme para que a espera sexa máis levadeira”, dixo Pizcueta, adiantando que nesta ocasión o filme que se proxectará, O Corpo Aberto, terá como protagonista a Federico Pérez Rey, o encargado do pregón deste ano. As proxeccións serán o xoves 19 e o luns 22 (ás 17, 19  e 21 horas).

 

 

No programa tampouco faltara o teatro, a cargo de Mofa e Befa que porán sobre o escenario a obra Pirolíticos o venres 20 ás 21 horas no Teatro Lauro Olmo. E nese mesmo escenario, arrancará ao día seguinte, sábado 21 de xaneiro, o Día do Botelo. Será a partir das 12 horas co acto presentado por Fátima Delgado e musicalizado polo Orfeón Valdeorrés, que contará co pregón a cargo de Federico Pérez e a mención de honra á barquense da Proba, Adela Pombo Fernández, cociñeira xubilada do CEIP Condesa de Fenosa. “Durante 38 anos estivo dando de comer todos os días a 380 persoas. Quixemos recoñecer ese labor porque pasaron moitas xeracións de nenos e profesores por esas cociñas, poñendo en valor a esas persoas que traballan moitas veces na sombra”, dixo a concelleira.

Tralo acto no teatro, haberá coma sempre un pasarrúas cos grupos dos Cantos de Taberna ata o pavillón de Calabagueiros onde a partir das 14:30 horas terá lugar o xantar cuxa entrada custará este ano 20 euros (2 máis que na anterior edición) co botelo con verdura, cachelos e chourizos como protagonistas. Alí haberá tamén ambientación musical e photocall e tralo xantar, en torno ás 19 horas terá lugar a Foliada e Cantos de Taberna entre o Casco Vello e o Malecón.

 

O broche ao programa da XXI Festa do Botelo do Barco poráo o concerto de María do Ceo o domingo 22 de xaneiro ás 20 horas no Teatro Lauro Olmo, completándose coas Xornadas do Botelo e Cocido Valdeorrés (con showcooking incluído) “porque o que queremos é que a festa non se limite a esa fin de semana”, remataba a concelleira.

A ese respecto, o alcalde do Barco aseguraba “aínda que sabemos que a moita xente o que lle gusta de verdade é a festa no pavillón, nós queremos que dure polo menos dous meses, ata o Entroido e que nese tempo haxa botelo e cocido en todos os restaurantes da vila porque o pavillón ten a capacidade que ten”, Alfredo García tamén lembrou que están xa traballando nas festas na Coruña e Vigo adiantando que seguen traballando por conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional  “e incluso internacional”. De momento convidaron a xente de Portugal para entablar relación cunha festa similar “cos que poderemos facer unha especie de irmanamanto e darlle máis bombo”, dixo o alcalde concluído que o obxectivo sempre foi e segue sendo “ademais de que a xente o pase ben, é xerar emprego e riqueza, ampliando na medida do posible o territorio de venda de botelos e androllas”.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button