Sete décadas despois de que Florentino López Cuevillas, considerado o pai da arqueoloxía galega, e o erudito Xesús Taboada Chivite, iniciaran unha prospección científica por terras de Cualedro e Monterrei, a arqueoloxía volve ao Castro de San Millao. Unha actuación promovida polo Concello de Cualedro e financiada pola AGADER permitirá acondicionar para a visita 60 metros cadrados dun barrio castrexo milenario descuberto por Taboada Chivite en 1954.
O obxectivo da actuación que se realizará neste mes de xuño é rescatar do esquecemento aquelas pegadas “dun mundo hoxe desaparecido. Preténdense acometer diferentes traballos de conservación e acondicionar o lugar para a visita e correcta interpretación dos valores históricos, estéticos e incluso simbólicos do espazo”, tal e como adianta a Sociedade Cooperativa Xeitura, que se se encargará da intervención.
Este equipo lembra que Cuevillas e Taboada Chivite dirixían no ano 1954 ambos unha escavación arqueolóxica no Castro de San Millao, poucos metros ao leste da vila fronteiriza da Xironda, no Concello de Cualedro. “Naquela primeira intervención descubriron diferentes estruturas de planta circular, rectangular ou oblonga. Todas elas enmarcadas dentro dun recinto a modo de barrio, moi comúns na área de influencia dos grandes oppida. Monumentais poboados fortificados de hai máis de dous mil anos dos que San Cibrán de Lás sería o seu exemplo máis coñecido ao albergar na actualidade o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa”.
Agora Xeitura emprende unha nova campaña arqueolóxica. “A recuperación do noso patrimonio como motor de desenvolvemento local é un dos nosos obxectivos prioritarios dende hai case unha década. Coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural temos actuado xa na recuperación do Castro da Saceda, primeiro castro en ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en Ourense. E agora pretendemos centrar os nosos esforzos tamén na recuperación deste importante monumento que xunto con outros espazos como a Mámoa do Madorriño ou a vila romana de Santa Marta de Lucenza converterán a Cualedro nun escenario ideal para comprender a evolución humana dende hai miles de anos”, afirma Luciano Rivero Cuquejo, alcalde de Cualedro.
Os traballos que se desenvolverán durante todo este mes de xuño están sendo dirixidos polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez e o restaurador Diego Iglesias Barrileiro, ambos técnicos especializados na Sociedade Cooperativa Xeitura.