En portadaÚltima hora

As festas de Nosa Señora da Encarnación, en Sobradelo, volven con orquestras, fogos artificiais e procesión

Celebraranse do 23 ao 25 de abril e durante os tres días haberá inchábeis para os nenos no pavillón municipal

Procesión coa imaxe da Virxe da Encarnación antes da pandemia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dada a considerable melloría na situación sanitaria, os concellos van pouco a pouco animándose a recuperar as festas patrimoniais e só neste mes de abril son dous os que as celebrarán por todo o alto: Vilamartín de Valdeorras o San Xurxo e Sobradelo Nosa Señora da Encarnación.

No caso da localidade de Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras, celebrarase do 23 ao 25 de abril cun cartel que aposta pola música e as activiades infantís, sen esquecer os cultos na honra a patroa. Así, o programa arrancará na mañá do sábado día 23 cun pasarrúas a cargo da charanga Airiños de Caldelas. Ese día a festa e a verbena correrá por conta do grupo Claxxon.

 

 

Ao día seguinte, domingo día 24, en torno ás 10:30 a charanga Os Caliqueños farán un pasarrúas polo pobo, amenizando tamén a sesión vermú. Ese día a orquestra Fania Show será  a encargada de amenizar a festa e a verbena cunha tirada de fogos de artificio prevista para as 22:30 horas.

E así chegaremos ao luns 25 de abril, día grande das Festas da Encarnación que contarán con pasarrúas a cargo da charanga Nova Terras de Trives que acompañará tamén á procesión coa imaxe da Virxe que sairá ás 12:30 horas seguida da santa misa, e a sesión vermú. Pola tarde, en sesión só de tarde, a oquestra Miramar convidará a bailar aos asistentes.

Durante os tres días de festa no pavillón de deportes municipal haberá un circuíto inchable modular XRUN que cubrirá toda a superficie do pavillón e un tren infantil interior para nenos ata 9 anos.

Artigos relacionados

Back to top button