A RúaConcellos

As festas de verán da Rúa volverán celebrarse no Aguillón

 

A Rúa volverá celebrar as festas de Verán no Aguillón, “porque non se modificaron as condicións que fixeron que o ano pasado se celebraran alí, que son as relativas ao espazo e sobre todo á seguridade, que estará moito máis garantida que na Estación”. Así o adiantaba a alcaldesa, María G. Albert, asegurando que os feirantes que queiran asistir tiveron quince días hábiles para presentar a documentación requerida. Daba así resposta a unha pregunta do portavoz do PP, Álvaro Fernández no Pleno ordinario do mes de xullo celebrado na tarde do luns día 7, no que se aprobaba un convenio coa Garda Civil en materia de seguridade e a adxudicación do SAF, así como un recoñecemento extraxudicial de crédito de 5.320 para o pago de facturas pendentes coa anterior compañía eléctrica.

 

 

Aprobábase asemade unha proposta a petición da Policía Local relacionada tamén coa seguridade para “trasladar as competencias de tránsito á Garda Civil de Tráfico en horario de luns a venres dende as 8 da tarde ata as 8 da mañá, e sábado e domingo o día completo”, explicou a alcaldesa, lembrando que a Policía Local da Rúa exerce as súas funcións de luns a vernes ata as 20 horas e o sábado pola mañá “nin sábados pola tarde nin domingos temos ese servizo”.

A proposta era aprobada cos seis votos do equipo de goberno (BNG, PSdeG-Psoe e RUA) e as cinco abstencións da oposición (PP), alegando que descoñecían o actual horario da Policía Local e suxerindo que se consiga unha praza máis para poder cubrir o horario completo.

 

 

Por unanimidade se aprobaba a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o servizo máis custoso no Concello da Rúa, durante dous anos e con posibilidade de dous anos máis de prórroga, ao que se presentaron catro empresas, resultando adxudicataria Alpixendra Servizos Rurais que fixo unha oferta final de 2.302.656 euros, formalizándose así un contrato que levaba 9 anos sen licitación.

Finalmente aprobábase, tamén por unanimidade, unha bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacioóns e Obras (ICIO) á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras para a rehabilitación da Capela de San Andrés, en Fontei, como sede. Unha obra financiada integramente pola Axencia de Turismo de Galicia.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

 

Back to top button