Tralos cantos de taberna nos que participaban unhas 200 persoas tocando e bailando polos bares da vila na tarde noite do venres, chegaba o Día do Codillo na Rúa.
Na mañá deste sábado 25 de xaneiro tiña lugar no Concello a recepción á comitiva do Concello de Almendralejo, convidado de honra, desprazada ata terras galegas para participar na festa e reafirmar esa conexión que leva anos fortalecéndose grazas ao irmandamento, cunha representación co equipo de goberno e da Asociación Mujeres de Almendralejo “Nuestra Señora de la Piedad”.
De seguido e xa no Centro Cultural Avenida, celebrábase o acto de homenaxes, nesta ocasión ao artista José Luis Prieto Díaz “Lili” (falecido hai case un ano), por deixar a “súa pegada artística e humana e cada recuncho da vila malia non ser da Rúa”; e a Autoneum “A Fábrica”, cando se cumpren 20 anos da súa implantación no polígono das Pedreiras, dando traballo a unhas 200 persoas directas e co futuro garantido “ata o 2034”, tal como avanzou o director de planta, Jesús García.
O acto, conducido por Cristina de la Torre, comezaba e remataba con música da man de dous membros de AMAVA, Eduardo Gómez e Rodrigo Alves que actuaban tamén ao longo da gala. Na súa intervención, breve e concisa, a alcaldesa da Rúa María G. Albert daba a benvida aos asistentes, loando as virtudes dos homenaxeados e desexando unha boa festa. Tamén saudaba Josefina Barragán en representación do Concello de Almendralejo, excusando a ausencia do alcalde que “non pudo asistir por motivos de axenda”.
A encargada de recoller o recoñecemento a Lilí, unha placa “en homenaxe e recordo”, era Laura Fernández, creadora xunto á súa nai de ‘Matria’ que contou coa colaboración e amizade do artista en múltiples ocasións. Colaboracións que Laura lembrou antes da proxección dun vídeo con algunhas das obras, especialmente murais, que deixou espallados pola vila. Na praza do Concello da Rúa, no parque do Pombar, na rúa Progreso, en Fontei, no CEIP Manuel Respino, en Somoza… algúns inconclusos, outras obras a nivel persoal, todo un legado polo que A Rúa lle estará sempre agradecida. A placa, que lle fará chegar á familia, entregáballa a propia alcaldesa.
O encarggado de falar de Autoneum era o seu director, Jesús García, parte da fábrica dende o comezo, facendo un percorrido polo labor que desenvolven e destacando o apartdo humano. Desta parte, e moi ben, falaba Juanjo Villamarín, de Relacións Comerciais, con orixes na Rúa e un dos promotores do seu asentamento na vila xunto ao daquelas alcalde José Vicente Solarat, actualmente no equipo de Goberno, que lle entregaba un detalle en agradecemento, anunciando “que vai sendo hora de iniciar o expediente para nomealo Fillo Adoptivo, porque xa o é pero fáltalle o título”.
O vento, que remataba igual que empezaba, con música en directo, contaba entre outras autoridades coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; e do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, ademais de traballadores de Autoneum e veciños da Rúa.
O xantar, ao que asiten máis de 1.200 persoas, celébrase no pavillón municipal Vitorino Núñez, no Aguillón.
Fotos: O SIL
Vídeos: Mónica G. Bellver.