SanidadeÚltima hora

As II Xornadas sobre Morte Perinatal do Barco abordan os embarazos “arcoiris”

Os seus relatorios analizan diferentes cuestións relativas á xestación despois dunha morte perinatal como os coidados, a lactación ou o desafío emocional

 

Baixo o título “A luz en medio da tormenta” estase a desenvolver a II Xornada sobre morte perinatal no Barco. Esta iniciativa, que busca dar visibilidade e concienciar á sociedade e aos profesionais sanitarios sobre a problemática deste tipo de mortes, iniciábase ás 9h. no edificio multiusos do Barco, e nesta edición está adicada á dificultade de xestar despois dunha morte perinatal, son os chamados embarazos “arcoiris”.

O programa encetábase cunha ponencia que abordaba os “7 anos de activismo” da Asociación Bolboretas no ceo”, despois interviña Jesica Rodríguez, psicóloga, que abordaba o desafío emocional que supón un embarazo “arcoiris” e, a continuación, a xurista valdeorresa María Conde Rey, expoñía as novidades lexislativas en materia de morte perinatal, facendo especial fincapé en cuestións como a disposición do corpo do bebé, os dereitos que teñen os pais neste senso, como se pode actuar para poder dispoñer del e que sucede con el se os pais non se fan cargo.

A xornada continuará pola tarde con dous novos relatorios, un sobre o manexo da lactación en duelo, a cargo da matrona e IBCLC Carla M. Estévez e outra sobre o coidado integral da muller nos embarazos posteriores á morte perinatal da man da xinecóloga Helia Mariño. O programa completarase cun coloquio e coa participación de persoas que exporán a súa experiencia e vivencias en relación coa morte perinatal. Este coloquio estará moderado por María Conde e Lorena Fernández, enfermeira.

Estas segundas xornadas están sendo organizadas pola Asociación Bolboretas no Ceo coa colaboración de De Nai a Nai e co apoio do Concello do Barco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button