CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

As III Xornadas de Música Tradicional Nova Era encherán as rúas de Verín de actividades

 

Os vindeiros días 3, 4, 5 e 6 de agosto a Banda de Gaitas Nova Era volverá celebrar as “Xornadas de
Música Tradicional Nova Era”, un evento que pretende dinamizar a axenda de Verín con actividades ao redor da música tradicional e popular galega. A III edición destas Xornadas preséntase coma unha oportunidade para o encontro da veciñanza ao redor da música de raíz con foliadas, actividades para a cativada, visitas aos centros de maiores e incluso un intento de novo World Record Guinness.

Unha proposta cultural que contará con máis de 50 músicos das asociacións culturais da comarca e o apoio do Concello de Verín e do tecido hosteleiro da vila. “Toda a vila está convidada a seguir aos grupos, sumarse á foliada e ver o concerto que daremos na Praza Maior. Queremos que esta fin de semana enchades Verín de música tradicional”, proclaman dende a Banda de Gaitas Nova Era, quenes tamén agradeceron a colaboración e implicación dos grupos participantes, o tecido hosteleiro da zona vella e o propio Concello de Verín.

“É moi importante respaldar este tipo de iniciativas que non só complementan a axenda cultural se non que contribúen a crear comunidade entre os grupos que participan e a propia veciñanza”. Destacou Samanta Barreira, concelleira de Cultura do Concello de Verín.

Sobre as actividades das III Xornadas de Música Tradicional Nova Era

Xoves, 3 de agosto
11.00h – Intento de novo World Record Guinness á nota máis longa cun instrumento de vento. No
Auditorio Municipal
Venres, 4 de agosto
10.30h – Actividades infantís na Ludoteca do Concello de Verín
16.30h – Actuacións nos centros de maiores da contorna
Sábado, 5 de agosto
19.30h – Cantos de taberna arredor da Praza García Barbón. Coa participación de Candaira, Brixel,
As Rulas e Nova Era.
22.00h- Foliada na Praza Maior de Verín
Domingo, 6 de agosto
20.00h – Concerto “Un serán con Nova Era” da Banda de Gaitas Nova Era. Na Praza García
Barbón. Entrada de balde.

O xoves 3 de agosto, Álvaro Isaac Rúa Manso, director da Banda de Gaitas Nova Era, fará un intento de novo World Record Guinness á nota máis longa cun instrumento de vento. Terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Verín e contará con todos os requisitos da entidade. De conseguilo, será unha maneira de reivindicar e dar a coñecer a gaita galega no mundo.

Na xornada do venres 4 de agosto os integrantes da Banda de Gaitas Nova Era visitarán ás crianzas da Ludoteca do Concello de Verín cun obradoiro de música tradicional. Un xeito de conectar ás novas xeracións coa música que marcou a vida dos nosos avós, que tamén disfrutarán de foliadas na tarde do venres coa visita da banda tanto aos asilos da comarca como ao Centro de Día da vila. Un dos pratos fortes desta programación serán os Cantos de Taberna na tarde do sábado. Candaira, Brixel, As Rulas e Nova Era percorrerán as rúas ao redor da Praza Maior coas súas mellores cancións para ir reclutando bailadoras para unha Gran Foliada Popular na Praza Maior de Verín a partir das 22.00h. Esta actividade conta coa colaboración de Viñoteca Gandainas, Bar Praza, Botánico, o Bar 20 ½. Casa Nela e Paladar.

Como broche final das xornadas, o domingo pola tarde a Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá un concerto aberto ao público na Praza Maior. Unha actuación que recuperará a esencia do seu xa tradicional Concerto de Nadal. Agora, Nova Era presenta unha posta en escena máis próxima, trasladando a actuación ao centro da vila e achegándose a melodías máis populares. Un formato que mergullará ao público en pezas sobradamente coñecidas que non poderán evitar cantar e bailar xunto á banda.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button