Tal como estaba previsto, ás 12:30 horas deste luns 15 de agosto as imaxe da Virxe da Asunción e de San Roque saían en procesión polas rúas de Viana do Bolo, acompañada por numerosas persoas. Deseguido, oficiábase a misa solemne na igrexa, cantada polo coro parroquial.
Este 15 de agosto é un dos días grandes das festas patronais vianesas, que arrancaban o venres e continuarán mañá cunha nova procesión, nesta ocasión, na honra de San Roque.

Nestas xornadas son moitas as actividades lúdicas e festivas que se veñen desenvolvendo en Viana, dende a xa tradicional festa dos 80, as xornadas de folclore ou o desfile de Jorge De Álvarez e, por suposto, as orquestras. Así para esta tarde e noite está prevista a actuación na praza Maior da orquestra Royal e na praza María Pita o concerto de Roi Casal. Mañá soará a música da orquestra Malasia.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.