CulturaCulturaÚltima hora

“As letras de Florencio” convocan un concurso de vídeo-poemas e micro-vídeos

Os alumnos de ESO terán ata o 15 de xuño para presentar os traballos sobre Florencio Delgado Gurriarán

Como un paso máis, avanzando na promoción, tanto da figura como da obra de Florencio Delgado Gurriarán, se presenta o concurso de vídeo-poemas e micro-vídeos “O cinema de Florencio” que vén de ser convocado dende o proxecto cultural “As letras de Florencio”. É “un chanzo máis no camiño que emprendimos para poñer a Valdeorras no mapa lierario a través da figura deste autor consensuado entre todos os concellos participantes no proxecto”, aseguraba a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, na presentación da iniciativa que tiña lugar no mediodía do 10 de maio na Biblioteca municipal do Barco que leva o nome do literato valdeorrés.

No acto, que contou asemade coa presenza da directora do proxecto Débora Álvarez; do alcalde da Rúa Luís Fernández; e do director e produtor valdeorrés Domingo Díaz, explicaron que o concurso terá dúas modalidades: de vídeo-poemas “unha maneira de que os alumnos se centren na poética de Florencio xa que todas as actividades anteriores fóronse centrando na vida do autor”, puntualizou Débora; e micro-vídeos “porque queremos que unha parte fundamental deste concurso sexa a paisaxe de Valdeorras, que é a personaxe por excelencia da obra de Florencio”.

O concurso está dirixido ao alumnado da ESO de Valdeorras e tamén de fóra (cun apartado especial) e terán ata o 15 de xuño para presentar os seus traballos. Poden consultar as bases na web: www.asletrasdeflorencio.gal.

Ademais do concurso, este proxecto ten unha segunda parte que é un vídeo homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán que prepararán Domingo Díaz e Manuel Gómez, os dous profesionais que colaborarán no desenvolvemento da iniciativa. “Serán os nosos guias para comezar este traballo xa que necesitabamos que alguén dese unhas unhas pautas a seguir a todos os alumnos que poden participar no concurso, sobre técnicas básicas da linguaxe cinematográfica”, asegura Débora.

Domingo Diaz, natural de Petín, está especializado en documentais e Manuel Gómez en cinema de animación (é director, guionista e produtor de O Bosque animado entre outros) e xuntos están inmersos en proxectos mixtos, moitos deles centrados no vídeo como ferramenta educativa. Un deles é o traballo sobre Florencio que verá a luz proximamente, pero antes, compartirán experiencias cos estudantes. “Será algo sobre todo motivador, centrándonos na narrativa audiovisual e nos procesos para facer unha películas, de forma moi práctica, con moitos vídeos e exemplos, de forma dimámica. Cremos que hai que entreter e verán imaxes de traballos nosos e oturos moi coñecidos como La Guerras de las galaxias ou Tiburón explicándolles como se fixeron e por que se fixeron de tal xeito. Tamén aproveitaremos para falar da figura de Florencio dando un adianto de como a nós nos inspirou para facer ese traballo que está en proceso, onde se ve claramente que ten unha parte documental e outra de animación”, explicou Domingo.

A clase na Rúa será mañá, 11 de maio de 9 a 11h. no Centro Cultural Avenida. No Barco aínda non hai data.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button