A decisión tomábase na sesión plenaria da Real Academia Galega que tiña lugar o 4 de xuño
O poeta, narrador e dramaturgo lucense Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña 2004) será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2016. Así se facía público dende a Real Academia Galega (RAG), despois da sesión plenaria que esta institución celebraba na mañá do 4 de xuño.
A Academia destaca de Manuel María que “é autor dunha extensa obra” e incide en que, ademais de “expoñente do activismo político, representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega”.