ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

As máis de 1.000 especies observadas no ‘IV Bioblitz Courel’ confirman a esta serra como un dos espazos con maior diversidade da península

Expertos de todos os eidos da bioloxía inauguraron esta fin de semana os quilómetros da biodiversidade, no marco das actividades coas que a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel celebra os seu 25 aniversario

 

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel cumpre 25 anos de vida e, para celebralo, está a organizar unha serie de actividades que comezaban esta fin de semana co ‘IV Bioblitz Courel’ e coas que pretende promocionar a riqueza etnográfica e ecolóxica deste territorio. “As máis de 1.000 especies observadas durante as dúas xornadas nas que se desenvolveu o IV Bioblitz do Courel confirman a nosa Serra como un dos espazos con maior biodiversidade da Península”, explica o presidente, Marcos Reinoso.

Expertos de todos os eidos da bioloxía inauguraban os quilómetros da biodiversidade, que se seguirán traballando ao longo do ano, co obxectivo de crear dúas pequenas rutas nas que se confirme que os distintos hábitats do Courel non só achegan riqueza natural e paisaxística, senón que tamén atraen turismo sostible. En concreto, estas dúas rutas van discorrer polas aldeas de Paderne e Miraz, no Concello de Folgoso do Courel.

O IV Bioblitz Courel desenvolveuse na Estación Científica do Courel e estivo coordinada pola Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Que é un bioblitz

Un bioblitz é unha prospección intensiva de biodiversidade nunha área determinada, na que participan tanto naturistas profesionais como afeccionados, asesorados por expertos de campo. A edición deste ano completa as anteriores, levando a cabo un inventario biolóxico coa fin de obter o maior número de identificación e citas da flora, fauna e micobiota en varios espazos representativos deste territorio, explican os promotores da iniciativa.

 

 

25 aniversario

Con motivo do 25 seu aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro. Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade. Un deles foi a xornada desta fin de semana, á que seguirán outras moitas actividades e accións.

O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.

O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 € a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button