A VeigaConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

“As montañas de Trevinca, como moitos outros lugares, estiveron soas nestes lumes”

Un incendio iniciado na provincia de Zamora entraba pola Veiga e afectaba a este macizo, tal e como explica o presidente do Club Montañas de Trevinca, Antonio Fernández "Cando acabamos co medio natural, acabamos coa vida", lamenta

 

As chamas seguen deixando destrución ao seu paso polos diferentes municipios e espazos naturais da provincia de Ourense. É o caso do Macizo de Trevinca, o teito de Galicia, por onde entraba días atrás un lume procedente de Porto (Zamora), que se foi estendendo pola parte galega, afectando a concellos como A Veiga, pero tamén a parte de Carballeda de Valdeorras.

No caso da Veiga, polo de agora non entrou en aldeas, xa que se salvaron das chamas Ponte e Vilanova, pero o incendio segue preocupando. O que si deixou é unha grave afección ambiental, queimando entornos únicos como o da Lagoa da Serpe.

Foron dous días, pero cun desastre ambiental terrible, destaca o presidente do Club de Montañismo Montañas de Trevinca, Antonio Fernández “Cholo”, que leva décadas defendendo, poñendo en valor este territorio e pedindo o seu recoñecemento como parque natural. “O incendio empezou por riba de Porto, xa o principio da Serra Segundeira, na zona de Zamora, no parque natural, e xa colleu toda a parte alta do Moncalvo e loxicamente despois aí, aproveitando o vento, foise metendo, baixou por diante de Porto, onde despois ao chegar o lume ao val, Porto resultou afectada, e o lume quedou moi cerca das casas. Despois seguiu xa todo pola serra aidante e, a partir do Moncalvo, Fontebibei, e xa colleu toda a zona alta pasou sen tocar o Ocelo, pero moi cerquiña, pero si afectou a toda á ladeira sur do Fial. Logo colleu por diante a Lagoa Serpe, seguiu para adiante, entrou unha parte no fondo do val do río Xares e continuou cara Trevinca, onde arrasou, e de aí o vento colleu parte do Crestón do Lombo Roncín, tamén o levou por diante”.

Afortundamente, o vento seguía unha dirección case oeste-este e iso permitiu que non entrase nas aldeas de Vilanova e Ponte. “Pasou cerca, pero salváronse, e cambio, no fondo do val do río Xares, aí si, fíxose lume, que, logo proseguiu por Morteira de Campos e, nesa dirección, cara O Teixadal. Meteuse cara o Maluro, agora si está afectada toda a zona que vai cara a Fonte da Cova, cremos que entrou o lume no Teixadal, pero ata onde afectou non está moi claro”, explica Cholo, que amosa a súa rabia ante un desastre semellante. No intre de escribir estas liñas, o incendio andaba polo Maluro, e esta tarde “chegaron a estar catro helicópteros e hai catro brigadas. Acaba de chegar un hidroavión”, comenta Cholo coa esperanza de que poidan controlalo.

 

 

Este montañeiro e amante da natureza critica a falta de plans de actuacións inmediata ante unha situación deste tipo, que permitiran evitar unha devastación desta magnitude na provincia. “Ata agora non houbo medios, pódese dicir neste caso que as montañas de Trevinca, e outros moitos sitios, estiveron soas, si é certo que foi como unha especie de pandemia de lume, e é un sálvese quen poida, e loxicamente os medios van actuar onde están as casas e hai xente. E iso enténdoo. Non vou poñer por diante as persoas e as casas dun bosque. Isto está claro. Pero cando acabamos co medio natural acabamos con vidas e moitas, con aire limpo, verde limpo, auga limpa…A ninguén lle interesa a natureza, ninguén a defende, só a utilizan para divertirse nela”, lamenta.

 

Antonio Fernández “Cholo”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

E fala tamén das consecuencias que isto vai ter para as poboacións das montañas a nivel socioeconómico. “Agora hai unha cantidade de lugares e persoas que viven cada vez máis da natureza e están perdidos, eses lugares non van poder traballar en tres ou catro anos”.

Cholo pide que se tome conciencia do que supoñen as consecuencias dos incendios forestais, porque, se iso non se fai, “pasadas unhas semanas ninguén se vai acordar disto”. E insiste na necesidade de que se aborden “as razóns, da tipoloxía dos incendios, dos motivos de que se produzan desta maneira, porque agora xa se fala publicamente dun 80% de intencionados ou máis, pois que nos digan cales poden ser as razóns deses incendios intencionados”. Ademais considera clave educar e ensinarlle á sociedade a relevancia da natureza para eles e para os seus fillos e netos, “como fonte de vida”.

Di que non pode chorar, porque hai xa moito tempo que esgotou as súas bágoas, pero non oculta a súa indignación cara os responsables políticos, que “están para resolver os problemas ou os posibles problemas, e non para tirarse os trastos uns a outros”. E reclama, “non só plans para defender os pobos e as aldeas, que tamén son necesarios, ademais son precisos plans para promocionar unha natureza e unha defensa da natureza, un respecto cara ela”.

Agradece as chamadas e mensaxes de “moitísima xente que coñezo, que nunca pensei que ía ter unha resposta así, chaman dándome o pésame, como se morrera o teu pai e como a miña mai, e para min, como simil realmente é algo así”, conclúe.

Fotos e vídeo: O Trisquel.

Back to top button