Dar a coñecer as novas investigacións e estudos, dende diversos ámbitos, que se están a desenvolver nos últimos anos sobre a Federación de Guerrillas de León-Galicia. Este é o obxectivo principal da xornada que se está a desenvolver na localidade berciana de Carucedo nesta fin de semana, coincidindo ademais co 80 aniversario da creación desta organización.
O programa deste encontro encetábase esta mañá coas intervencións de Dionisio Pereira, quen abordaba as redes de evasión e “aparellos de fronteira” na raia galaico-portuguesa. Ademais Eliseo Fernández realizaba unha aproximación á guerrilla na Serra do Courel (Lugo). Así mesmo interviña o historiador Alejandro Rodríguez co relatorio “A Federación de Gerrillas de León-Galicia. A resistencia organizada”.
Durante a tarde realizábanse unha visita guiada a “lugares de memoria” relacionados coa guerrilla na zona do Bierzo e a proxección do documental “Ciudad de la Selva”.
A xornada continuará mañá coa intervención de novos especialistas: os arqueólogos Carlos Tejerizo quen falará sobre a Cidade da Selva nos montes de Casaio (Carballeda de Valdeorras) e Xurxo Ayán, cunha exposición sobre a arqueoloxía da guerrilla na Península Ibérica. Tamén intervirá Laura M. Panizo que fará un achegamento ás fosas das guerrilla, exhumacións e enlaces de Galicia e do Bierzo.
Ademais, con motivo destas xornadas, Edicións Positivas comezou a a distribuír un novo libro, á maneira de Actas das Xornadas.
Fotos cedidas.