DeportesÚltima hora

As novidades da tempada galega de atletismo 2019/2020, analizadas no Barco

Representantes da FGA celebraban o 6 de novembro un "foro de debate" con atletas, clubs, concelleiros e adestradores valdeorreses

Publicidade

As novidades na Liga Abanca de inverno de categorías menores, iniciada en outubro; a normativa e as cotas de licenzas da campaña do 2020 eran algúns dos temas que se poñían sobre a mesa no decurso do “foro debate” que a Federación Galega de Atletismo (FGA) celebraba na tarde do 6 de novembro no polideportivo barquense de Calabagueiros.

Na reunión contábase con Isidoro Hornillos, presidente da FGA; Carlos Castro, secretario xeral de director técnico da FGA; de Manuel Rodríguez, delegado da FGA no Barco; ademais de con representantes de clubs (Adas, Atletismo Rúa e Peña Trevinca), dos concelleiros de Deportes do Barco e da Rúa, de adestradores, etc.

Dende a FGA expoñíase que a intensa actividade deportiva e de competicións (con máis de 50 campionatos galegos) que desenvolve esta entidade “implica uns custes elevados, dos cales a Xunta aporta un terzo do total. Esta situación levou a que se tomase un paso moi pensado e reflexionado como foi o de cobrar un mínimo aos atletas da liga Abanca en cada xornada, esta foi unha decisión dura, pero a día de hoxe as competicións refrendaron un éxito participativo, a xente responde”, explicaba Carlos Castro.

Aínda así o presidente da federación matizaba que “ningún neno galego cuxa familia estea nunha situación económica precaria vai ter que renunciar a facer atletismo, introducimos tamén medidas para que poidan facer este deporte”. Explicaba ademais que a práctica dun deporte con adestradores formados, probas e xuíces acreditados vale diñeiro. “Quizais temos dado a imaxe de que isto é gratis, pero iso non é certo. As cousas teñen que poñerse en valor e máis no caso dun deporte milenario como é o atletismo e motrizmente moi rico”, engadía.

Neste coloquio os responsables de clubs e tamén adestradores e atletas plantexaban diversas cuestións relativas aos seguros e tamén no relativo á necesidade de xuíces, ao seu número e aos seus desprazamentos, entre outros temas. Este foro de debate estase a realizar en diferentes puntos de Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button