ConcellosÚltima horaViana do Bolo

As obras da estrada de San Agustín (Viana) poderían comezar este outono

O proxecto de reforma desta vía foi adxudicado pola Deputación a unha UTE

Aspecto do firme da estrada de San Agustín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Deputación de Ourense vén de adxudicar a reforma e mellora da estrada San Agustín-encoro das Pías, no Concello de Viana do Bolo, que executará unha unión temporal de empresas (UTE) formada por Petrolam Infraestruturas S.L. e Áreas Infraestruturas S.A., cun investimento superior a 1,1 millóns de euros. As obras poderían comezar este outono “sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, pois estamos a falar dun territorio cun clima cada vez máis adverso para este tipo de traballos segundo nos achegamos ao remate do ano”, explicou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez.

Coa adxudicación das obras “damos un paso definitivo para facer realidade un proxecto no que desde o primeiro momento a Deputación de Ourense demostrou o seu compromiso, liderando unha comisión de negociación xunto con Endesa -empresa propietaria da estrada- e os representantes dos grupos municipais”, destacou Pérez. O diálogo entre todas as partes, engadiu, “permitiu dar a resposta que demandaba desde hai tempo a veciñanza, polo que a satisfacción do resultado neste proceso non pode ser maior”.

A comisión de negociación, logo de diversas reunións, acordou que a empresa eléctrica faríase cargo do 50 % do custo das obras, preto de 600.000 euros-, mentres que a Deputación de Ourense e o Concello de Viana do Bolo achegarían o 50 % restante a partes iguais. Tralo remate das obras a estrada pasará a ser titularidade do concello.

A reforma e mellora da estrada de San Agustín-encoro das Pías ten un orzamento de 1.125.119 euros e realizarase en tres tramos, cunha lonxitude total que supera os 24 quilómetros. O proxecto inclúe a renovación e regularización do firme, acondicionamento e limpeza das cunetas, roza das marxes, nova sinalización horizontal e vertical e a instalación de elementos de seguridade viaria.

Artigos relacionados

Back to top button