OurenseÚltima hora

As obras de mellora da rúa Marcelo Macías, en Ourense, contan cun presuposto de 1,7 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que na primavera de 2021 esta vía será "máis segura, máis accesible e máis humana"

 

As obras de mellora da rúa Marcelo Macías de Ourense avanzan a bo ritmo e atendendo as demandas veciñais, co obxectivo de que “na primavera de 2021 esta vía sexa máis segura, máis accesible e máis humana para desfrute de todos os ourensáns, grazas a un investimento autonómico de 1,7 millóns de euros”. Así o aseguraba a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázque, na mañá deste venres 6 de novembro trala videoconferencia mantida cos responsables das obras, o xefe do servizo de Infraestruturas na provincia e o director da actuación, para avaliar, sobre vídeos e imaxes, o avance das actuacións.

Vázquez puxo en valor a “gran envergadura” desta mellora, na que se intervén en 1,3 km da vía de titularidade autonómica OU-540, para renovar e mellorar o pavimento, os sinais, as beirarrúas ou os pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado público. A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.

 

Obras de saneamento na rúa Marcelo Macías.

 

No balance da evolución dos traballos, Ethel Vázquez subliñou os progresos na renovación dos servizos municipais. En concreto, está xa executada ao 50% a renovación prevista de 900 metros de tubaxe de abastecemento; renovouse xa máis do 40% dos 1.600 metros de canalizacións da rede de saneamento; e máis do 35% da renovación da rede de alumeado.

A conselleira de Infraestruturas puxo o acento no importante labor de modernización dos servizos urbanos nesta obra, na que se están a empregar últimas tecnoloxías que van a permitir gañar en eficiencia enerxética, grazas ás máis de 130 farolas led que se prevén instalar. Referiu tamén avances significativos na mellora da accesibilidade das beirarrúas e, adiantou a previsión do inicio nos vindeiros días das tarefas de conservación sobre o río Barbaña.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, durante a videoconferencia.

 

A titular da carteira de Infraestruturas e Mobilidade tamén apuntou que, no seu conxunto, as obras acadan unha porcentaxe de execución do 25% e que se traballa coa previsión de ir eliminando progresivamente as restricións de tráfico conforme se vaian rematando fases da intervención. Sinalou que os traballos están organizados para minimizar, en todo o posible, as afeccións na rúa Marcelo Macías, unha das principais arterias de comunicación de Ourense, que dá acceso á zona sur da cidade e ao Complexo Hospitalario. Lembrou, neste sentido, que xa no mes de setembro se adoptaron medidas para reducir as afeccións de tráfico nas fins de semana e, a finais de outubro, conseguiuse deixar xa de forma permanente aberto o tráfico de entrada á cidade.

Tamén, avanzou que, para facilitar a actividade dos comerciantes, durante as festas de Nadal está previsto o levantamento dos cortes de tráfico e quedará habilitada a circulación en dobre sentido. Trátase, incidiu, de seguir intentando dar resposta a todas as achegas que realizan, tanto os veciños como os comerciantes desta zona.

Artigos relacionados

Back to top button