
A Xunta prevé licitar o vindeiro mes de maio as obras para a rehabilitación da praza municipal de abastos de Viana do Bolo, tras a sinatura do convenio de colaboración, asinado esta mañá por parte de Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e Andrés Montesinos, o alcalde, no que se prevé un orzamento de 790.000 euros.
Na reunión, Vázquez Mejuto adiantoulle a Montesinos que, tras formalizar este trámite e comprobar que non existen cargas nin gravames, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo pode iniciar o procedemento para publicar o contrato, polo que augurou que no mes de maio estará accesible na plataforma de contratación da Xunta. Asemade, explicoulle que “a Xunta cumprirá o seu compromiso de achegar case 554.000 euros (un 70% do orzamento) para levar a cabo esta actuación, coa que se pretende recuperar o inmoble e convertelo nun edificio de usos múltiples, con locais e espazos para uso e servizo por parte das asociacións de veciños e entidades sociais do concello”. Tal e como recolle o convenio, o Concello achegará o 30% restante e asumirá, tras a recepción das obras, a explotación, mantemento e conservación das mesmas.
A conselleira lembrou que esta actuación é acorde ao plan Hurbe, “posto en marcha polo Goberno galego hai 12 anos co fin de acometer actuacións orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e mellorando o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes”.
