CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

As paisaxes da auga da Galicia interior, retratadas por Carlos G. Hervella, en Miranda Moda no Barco

Ata primeiros de decembro unha exposición deste fotógrafo do Periódico O SIL poderá verse no escaparate desta tenda barquense

Publicidade

 

A acción da auga ao longo de milleiros e milleiros de ano ten ido modelando á paisaxe da Galicia interior. E precisamente esta especial vinculación con este líquido elemento é o que lle outorga ás súas paisaxes un carácter valioso e diferencial. Algunhas delas aparecen retratadas na exposición fotográfica “A auga unha paisaxe de vida”, de Carlos G. Hervella/Periódicos O SIL, que ata primeiros de decembro pode verse no escaparate de Miranda Moda no Barco (avenida Conde Fenosa, 6).

A mostra lévase a cabo dentro do proxecto MirArte, que esta tenda barquense creaba no 2009 co fin de “poñer en valor a arte de Valdeorras”. Son xa varias as ocasións nas que o traballo de Carlos G. Hervella se ten exposto nesta singular galería a pé de rúa, a última na pasada primavera con imaxes sobre o Entroido tradicional de Manzaneda.

Agora a proposta deste fotógrafo céntrase na escrita da auga na paisaxe, con espectaculares instantáneas de gran formato, en branco e negro e a cor de espazos da Galicia interior como a Lagoa da Serpe conxelada (Trevinca), o meandro do río Sil no Barco, o Canón do Sil (Ribeira Sacra) ou a Fervenza de Portomao (“Pincheira”, en Fervenza-O Barco).

 

 

 

“A auga unha paisaxe de vida” enmárcase nun proxecto de posta en valor da cultura da auga que vén desenvolvendo dende os seus inicios como medio de comunicación, hai 25 anos, o Grupo de Periódicos O SIL, “amosando a súa relevancia como elemento natural, as súas paisaxes e a súa vinculación co home ao longo da historia, xerando un rico patrimonio arqueolóxico e etnográfico; así como abordando as súas posibilidades como recurso turístico e produtivo”.

 

 

Nesta ocasión este proxecto únese ao de MirArte de Miranda Moda, establecemento que dende 1956 defende no Barco a calidade e o deseño de roupa diferente, de máxima tendencia. MirArte xurdía hai 12 anos “para apoiar aos creadores da comarca prestando as súas instalacións desinteresadamente a calquera artista de calquera disciplina para amosala e darlle valor”.

Máis información na edición en papel de novembro do Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button